luns 30 de outubro de 2017

Trátase do segundo recoñecemento deste tipo que recibe en Arxentina

Luis Rodríguez Ennes recibiu na Universidad de Flores o título de doutor honoris causa

O acto de entrega celebrouse o 27 de outubro

Duvi | Ourense

O catedrático emérito da Universidade de Vigo Luis Rodríguez Ennes recolleu o pasado venres 27 de outubro na Universidad de Flores, en Arxentina, o título de doutor honoris causa por esta institución académica. Esta é a segunda distinción deste tipo que recibe, despois de que o pasado mes de abril fose investido doutor honoris causa pola Universidad Nacional do Comahue, do mesmo país. A concesión foi decidida por unanimidade polo Consello Superior da Universidad de Flores e entregada no marco do inicio do IV Congreso de Principios Xerais e Dereito Romano que se celebrou nesa institución académica.

A laudatio correu a cargo da profesora Mirta Beatriz, catedrática de Dereito Romano da Universidad de Buenos Aires e discípula do homenaxeado, e foi o reitor da Universidad de Flores quen, trala lectura por parte da decana da Facultade de Dereito do acordo de concesión da distinción, efectuou a entrega do diploma correspondente e unha placa conmemorativa. “Síntome honradísimo por esta gran distinción que, unidas ás anteriores, constitúe proba fidedigna dos fortes lazos afectivos e científicos que me unen coa República Arxentina”, subliñaba o catedrático emérito cando se lle foi comunicada a concesión desta distinción.

A Universidad de Flores, lembrou o homenaxeado, está situada no populoso barrio bonaerense que leva o seu nome e imparte un total de 17 titulacións repartidas en tres sedes sitas en Buenos Aires capital, San Miguel e na cidade de Cipoletti na Patagonia. “A miña vinculación con devandita universidade vén de antigo porque son asiduo profesor visitante da mesma, dirixo alí teses de doutoramento e traballos de investigación e, ademais, desde a súa implantación hai varios anos, participo en calidade de conferenciante de apertura ou clausura no seu prestixioso Congreso de Principios Xerais de Dereito Romano, de cuxo profesorado forman parte conspicuos profesores europeos e americanos”, sinalou Luis Rodríguez.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal