venres 27 de outubro de 2017

Virxilio Rodríguez foi convidado a visitar esta semana a institución académica brasileira

O campus estreita os seus lazos coa Universidade Federal Fluminense

O intercambio de alumnado e a colaboración en investigación foron algunhas das liñas abordadas

Duvi | Ourense

En abril de 2017, o campus de Ourense acolleu a celebración do I Congreso Euroamericano de Dereito e Política, promovido por investigadores da Universidade Federal Fluminense, de Brasil, e da Universidade de Vigo. Froito do contacto establecido nesa ocasión, esta semana Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, foi convidado a realizar unha visita á institución académica brasileira co obxectivo de abrir vías de cooperación en liñas estratéxicas, como alumnado e investigación, neste caso tendo o Campus da Auga como referente. En Nitrerói Virxilio Rodríguez reuniuse con Vitor Francisco Ferreira, pro-reitor de Pesquisa, Pós-graduaçao e Innovaçao. Neste encontro, ademais de tratar os temas relativos a liñas de cooperación conxunta en investigación sobre auga e desenvolvemento sostible, acordouse promover dende ambas universidades un convenio marco de colaboración, así como un convenio específico para intercambio de estudantes. Tamén se reuniu con Mónica de Aquino Galeano, directora do Laboratorio de Recursos Hídricos e do Medio Ambiente, para establecer un primeiro contacto e tratar de abrir proxectos de investigación conxuntos. Por último, a viaxe tamén serviu para estreitar lazos cos profesores que están a traballar na segunda edición do Congreso Euroamericano de Dereito e Política, que previsiblemente se desenvolverá en abril de 2018 novamente na cidade de Ourense e que terá directa relación con cuestións de desenvolvemento sustentable, especialmente en materia de utilización dos recursos hídricos. 

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal