venres 20 de outubro de 2017

As dependencias da Reitoría na rúa Oporto acolleron o II Encontro Bilateral

A Universidade busca abrir vías de colaboración cos institutos federais do Brasil no eido do doutoramento

Con representantes de nove institucións académicas

Duvi | Vigo


Dezaseis representantes de institutos federais do Brasil mantiveron esta venres un encontro bilateral con representantes da Universidade de Vigo na procura de xerar sinerxías, principalmente no eido do doutoramento. Esta xuntanza toma a remuda da mantida en 2016 no campus de Vigo, que xorde da necesidade destas institucións brasileiras de chegar a acordos con universidades para formar aos seus futuros doutores e doutoras. E é que os institutos federais non poden ofertar programas de doutoramento, polo que as súas e os seus egresados deben cursar estes estudos noutras institucións académicas. Ademais, teñen especial interese en poder ofrecer aos seus titulados a posibilidade de matricularse nun doutoramento europeo, que lles permita no futuro ser docentes neste continente.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, foi o encargado de facer unha presentación da institución olívica á comitiva brasileira, composta polo o reitor do Instituto Federal do Maranhão, Francisco Roberto Brandão Ferreira; o reitor do Instituto Federal do Amazonas, Antonio Venâncio Castelo Branco; a asesora internacional de Conselho de Reitores dos Institutos Federais, Marjorie Cavalcanti Cerejo; o pró-Reitor de Desenvolvimento Institucional do Instituto Federal de Goiás, Amauri França Araújo; a presidenta do Instituto Politécnico do Porto, Rosário Gombôa; o reitor do Instituto Federal do Triângulo Mineiro, Roberto Gil Almeida; a pró-Reitora de Pesquisa, Pósgraduação e Inovação do Instituto Federal do Maranhão, Natilene Mesquita Brito; o pró-Reitor de Desenvolvimento Institucional do Instituto Federal de Goiás, Elias Pádua; o vicepresidente do Instituto Politécnico de Porto, Carlos Ramos; o reitor do Instituto Federal de Sergipe, Ailton Ribeiro de Oliveira; o reitor do Instituto Federal de Goiás, Jerônimo Rodriguez da Silva; o coordinador de Mestrado do Instituto Federal de Goiás, Paulo Henrique Souza; a pró-Reitora de Pesquisa, Pósgraduação e Inovação (IFG), Ruberley Souza; o reitor do Instituto Federal do Mato Grosso do Sul, Luiz Simão Staszczak; o reitor do Instituto Federal Rondônia, Uberlando Tiburtino Leite e o coordenador-geral de Relações Internacionais do Instituto Federal de Mato Grosso do Sul, Flávio Rocha.

Acto seguido, a vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Ana Graña, presentou a oferta de programas de doutoramento que ten a Universidade de Vigo, con especial énfase na vertente internacional destes estudos. Finalmente, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho e o vicepresidente do Instituto Politécnico de Porto, Carlos Ramos, fixeron un debuxo das característica e obxectivos do Campus CREA S2i, con especial atención ás motivacións para a colaboración entre a Universidade de Vigo e os institutos federais de Brasil en programas de co-creación e innovación sustentable. Exemplo disto é o proxecto Erasmus+ Lapassion (Latin-America Practices and Soft Skills for and Innovation Oriented Network), unha iniciativa liderada polo Instituto Politécnico de Porto e conformada por 15 institucións, entre elas as universidades Vigo e Salamanca e catro institutos federais do Brasil, os de Triángulo Mineiro, Goiás, Maranhão e Amazonas, xunto co Consello Federal de Reitores, ademais de institucións e universidades de Finlandia, Uruguai e Chile.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal