xoves 19 de outubro de 2017

A través de dous comités dirixidos polos catedráticos Emilio Fernández e Dolores Garza

A Universidade “guiará” ao Concello na argumentación científica e económico-social da candidatura de Cíes a patrimonio da humanidade

Unha trintena de investigadoras e investigadores de centros galegos integran os grupos de traballo

Mª del Carmen Echevarría | Vigo


O Auditorio Mar de Vigo acolleu este mediodía o acto de presentación dos comités, coordinados pola Universidade de Vigo, que proveerán ao concello vigués dos argumentos científicos e económico-sociais da candidatura das Illas Cíes a patrimonio da humanidade da Unesco. Unha trintena de investigadoras e investigadores das tres universidades, centros e institucións galegas conforman os comités científico, coordinado polo catedrático Emilio Fernández e o económico-social, dirixido pola tamén catedrática da institución académica viguesa Dolores Garza e aos que se suma un terceiro comité técnico, conformado por persoal municipal. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, presidiron a presentación dos grupos de traballo, integrados, segundo Mato “polas e polos mellores para determinar o rumbo para protexer as Illas Cíes”, mentres que o rexedor municipal afirmou que “aquí hai ciencia, estudo e capacidade de investigación, á marxe de cuestións políticas”.

Tras reiterar que as Illas Cíes contan con “méritos sobrados” para acadar a distinción de patrimonio da humanidade, o que permitirá dotala da máxima protección, “a declaración a queremos para que nos próximos 1000 anos Cíes permaneza como foron hai outros 1000 anos atrás”, Caballero incidiu na necesidade de coñecer todas as características do arquipélago. “Queremos comprobar que as Illas Cíes teñen valor universal excepcional e integridade, porque sen estes valores non se dá a declaración”, sinalou o alcalde, que apuntou ás e aos investigadores para dicirlles que “vós seredes os que diredes cales son os valores e en que dirección temos que avanzar desde o estudo científico. A axenda estará marcada polo que nos digades”. Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou que as e os integrantes dos comités científico e económico-social “sodes os autores dos principais traballos sobre Cíes e os mellores para determinar o rumbo para protexelas”. O reitor, que asegurou que Cíes é un exemplo perfecto para desenvolver os principios da economía circular, agradeceu a confianza do Concello e manifestou a súa confianza en que “deste traballo sairán novas iniciativas e liñas que permitirán, aínda máis, se cabe reforzar e poñer en valor as illas”, dixo Mato.

Máis de 1300 traballos de investigación en revistas do máximo nivel mundial

As e os docentes e investigadores da Universidade de Vigo Gonzalo Méndez, Jesús Troncoso, Francisco Ramil, Irene Alejo, Alberto Velando, José María Sánchez, Luis Navarro, María Calviño e Adolfo Cordero; o catedrático da UDC Rodolfo Barreiro; o docente da USC Sebastián Villasante; os investigadores do IEO Victoria Besada e Juan Bellas e os científicos do CSIC Miguel Planas, Francisco Saborido, Ángel Gónzález e Ricardo Prego, integran o comité científico, que coordina o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e director do Campus do Mar, Emilio Fernández.

Fernández recoñeceu a complexidade do reto que lles foi encomendado, que os levará a traballar sobre documentos existentes, identificando lagoas de coñecemento, de xeito que a administración local terá que elaborar as conclusións sobre os resultados que lles achegue o comité. “Está agregado o mellor”, asegurou o director de Campus do Mar, sobre as e os 18 integrantes do grupo de traballo científico, que suman “máis de 1300 traballos de investigación en revistas de máximo nivel mundial”. Emilio Fernández comprometeu o traballo “intenso, rigoroso e discreto” do comité para acadar que Cíes adquira máis valor e se protexan as súas características.

Canto está disposta a pagar a sociedade pola conservación de Cíes?

A catedrática de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Dolores Garza é a coordinadora do comité económico-social, do que forman parte, os tamén docentes e investigadores da institución viguesa Xavier Labandeira, Juan Surís, Manuel Varela, María Xosé Vázquez e a investigadora Elena Ojea e aos que engaden o catedrático da UDC Fernando González Laxe, a docente da USC María Loureiro e a ex ministra de Medio Ambiente Elena Espinosa e o xerente da Fundación Provigo, Alberto Rodríguez, como representantes sociais.

“A nosa tarefa é buscar información sobre o que estaría disposta a pagar a sociedade por conservar o ben natural de Cíes e por incrementara súa protección”, explicou Garza, que agradeceu a invitación do Concello a traballar neste comité, que terá, nunha primeira etapa, que procurar a información existente sobre a cuantificación económica dos beneficios que se derivan da conservación do ben natural Cíes e, nunha segunda etapa, dos beneficios que se derivarían do reforzo desa protección, se o ben é declarado finalmente patrimonio da humanidade.

En canto ao modus operandi, Garza explicou que “faremos circular entre os membros do comité a información existente neste intre sobre eses beneficios e valorarémola. Temos previsto celebrar dúas reunións de aquí a final de ano, unha para a primeira etapa a principios de novembro e outra para a segunda e conclusións a principios de decembro”, sinala Garza.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal