venres 12 de xaneiro de 2018

Este segundo cuadrimestre celebraranse nove sesións nos tres campus

A nova xeira dos Martes Saudables dedicará especial atención á nutrición

Unha vez máis o programa incidirá no fomento dos bos hábitos de vida

Rosa Tedín | Ourense

Primeiro foi a enfermaría, logo o deporte e este cuadrimestre a temática elixida será a nutrición. Os postos dos Martes Saudables comezarán o 20 de febreiro a percorrer de novo os tres campus da Universidade de Vigo co obxectivo de fomentar entre alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos os bos hábitos nos diferentes aspectos da vida, desde a saúde física á emocional.

Desde que no curso 2010/2011 iniciou a súa andaina no campus de Ourense, a iniciativa dos Martes Saudables tense convertido nunha cita de referencia para a comunidade universitaria interesada en mellorar a súa calidade de vida. Acudir aos seus postos informativos sobre deporte, sexualidade, alimentación e enfermaría, explican os seus responsables, tense convertido para a comunidade universitaria “nun bo hábito” que cada vez practica un maior número de persoas. O pasado cuadrimestre, explica Guillermo Santos, coordinador dos Martes Saudables, arredor de 300 persoas realizaron íntegro o percorrido polos seus postos, cifra á que hai que sumar, engade, “as numerosas consultas puntuais que atendemos, de persoas que queren recibir información sobre un tema concreto ou facer unha proba específica”.

Temáticas diversas

Tal e como vén acontecendo desde a súa posta en marcha, no desenvolvemento dos Martes Saudables participan a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, a Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense e as áreas de Nutrición e Bromatoloxía e de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos. Grazas á súa implicación, nos postos que conforman os Martes Saudables as persoas interesadas teñen a posibilidade de coñecer a oferta deportiva que teñen na Universidade de Vigo co obxectivo de enriquecer a súa vida académica, o seu tempo de ocio e a súa saúde integral. Os visitantes tamén poden realizar as probas de enfermaría que hai dispoñibles, entre as que están a identificación do grupo sanguíneo e a medición da tensión, do índice de masa corporal e da capacidade respiratoria.

Os postos dos Martes Saudables tamén contan cun posto no que recibir información sobre sexualidade, desde os diferentes tipos de anticonceptivos ata a prevención de enfermidades de transmisión sexual, e outro sobre alimentación, no que poden analizar a calidade da súa dieta, como mellorala ou se a súa autopercepción corporal se corresponde coa realidade, entre outras moitas cuestións. Seguindo coa tematización que se puxo en marcha o curso pasado, explica Guillermo Santos, este cuadrimestre será precisamente esta área a que collerá un protagonismo especial, dedicando unha atención especial a achegar as súas recomendacións á comunidade universitaria.

Do 20 de febreiro ao 8 de maio

A programación do segundo cuadrimestre dos Martes Saudables, iniciativa integrada no proxecto Campus da Auga ConVida, inclúe nove sesións, cinco delas no campus de Ourense, tres no de Vigo e unha no de Pontevedra. En horario de mañá e/ou de tarde segundo cada caso, as persoas interesadas poderán achegarse aos postos que se localizarán nos centros elixidos e solicitar información, facer consultas, resolver dúbidas ou someterse ás diferentes probas que ofrecen de balde.

Concretamente, neste edición os postos dos Martes Saudables estarán no campus de Ourense o día 20 de febreiro no Edificio Xurídico-Empresarial; o 6 de marzo no Edificio de Ferro; o 10 de abril no Edificio Politécnico; o 24 de abril na Escola Universitaria de Enfermaría e o día 8 de maio na Biblioteca Rosalía de Castro, onde se levará a cabo o peche do cuadrimestre. No campus de Vigo estarán o día 27 de febreiro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; o día 13 de marzo na Facultade de Filoloxía e Tradución, e o 17 de abril na Escola de Enxeñería Industrial. Por último, no campus de Pontevedra a cita será o día 3 de abril na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Todas as sesións serán en horario de mañá, salvo a de Enfermaría, que se desenvolverá pola tarde, e a da Biblioteca universitaria, que se prolongará mañá e tarde.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal