venres 15 de decembro de 2017

Organizadas por Prado Surf coa colaboración da Área de Benestar, Saúde e Deporte e ESN Vigo

Dous destinos e tres posibles escapadas á neve

As viaxes serán ás estacións de Leitariegos e San Isidro, na cordilleira cantábrica, en xaneiro, febreiro e marzo

Duvi | Vigo

Un ano máis, chega o inverno, a neve e con eles as novas propostas deportivas da man da Área de Benestar, Saúde e Deporte, ESN Vigo e o club Prado Surf. Como vén sendo habitual, propoñen tres viaxes a dúas estacións de montaña nas que a comunidade universitaria poderá practicar snowboard e esquí, ou simplemente divertirse na neve. Os interesados e interesadas deberán escoller a data e o destino da súa preferencia, entre as tres fins de semana que se ofrecen en xaneiro, febreiro e marzo nas estacións de Leitariegos e San Isidro, ubicadas na provincia de León, en plena cordilleira cantábrica. 

Cun ambiente familiar e tranquilo nas dúas estacións, as persoas que opten por viaxar a Leitariegos pasarán tres días nunha contorna situada ao noroeste de León, no límite con Asturias, que conta cunha escola de esquí e snowboard e cun hotel na súa base. Por outra banda, os e as que prefiran inscribirse na saída á estación de San Isidro, tamén próxima á fronteira con Asturias pero máis ao noreste, dispoñen dunha gardaría para os máis pequenos, ademais de varias cafetarías distribuídas por todas as pistas. Nas tres saídas, o prezo da viaxe inclúe o transporte dende A Coruña, Vigo e Ourense, o aloxamento en hotel con pensión completa, un abono de uso ilimitado das instalacións e un seguro de pistas en caso de accidente, e o prazo de inscrición para cada saída rematará unha semana antes da data prevista para a viaxe.

A primeira saída será á estación de Leitariegos do 26 ao 28 de xaneiro, co aloxamento no hotel situado ao pé de pista ou, por 10€ extra, no Hotel La Braniña, ubicado na vila de Villablino. Para aqueles que non poidan ir nesta data, farase unha segunda viaxe a Leitariegos do 16 ao 18 de marzo, cun prezo de 182€ nos dous casos. Ademais, as persoas que opten pola estación de San Isidro poderán ir do 17 ao 18 de febreiro por un prezo de 196€. Se as condicións climatolóxicas impedisen realizar as viaxes, pola falta de neve ou polo mal tempo, Prado Surf posporía as saídas, devolvendo os cartos ás persoas que non puidesen asistir na nova data.

As persoas que non dispoñan de equipo propio poderán alugar o de esquí por 30 euros e o de snow por 42€. Así mesmo, os principiantes que precisen leccións de iniciación, ou aqueles que queiran perfeccionar a súa técnica, poderán recibir dúas clases de dúas horas cada unha por 40€.

Inscrición e horarios

As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición. Para anotarse, haberá que cubrir o formulario en liña que está dispoñible na páxina web de Prado Surf –é preciso realizar un depósito de 100 euros como fianza–. Nas tres datas programadas, as saídas faranse dende Vigo e A Coruña os venres ás 16.00 h, e dende Ourense ás 17.00 h, mentres que os autobuses de regreso chegarán os domingos a Vigo e á Coruña ás 22.30 h e a Ourense ás 21.30 h.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal