martes 12 de decembro de 2017

A Biblioteca Rosalía de Castro do campus acolleu a última sesión deste cuadrimestre

Os Martes Saudables despiden o ano lembrando a importancia de apostar polos bos hábitos de vida

Arredor de 300 persoas realizaron íntegro o percorrido polos seus postos

Rosa Tedín | Ourense

A Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolleu este martes a celebración da última sesión deste cuadrimestre dos Martes Saudables. Cos datos aínda por pechar, arredor de 300 membros da comunidade universitaria dos tres campus da Universidade de Vigo achegáronse aos postos desta iniciativa e revisaron os seus hábitos de vida de xeito integral, desde a nutrición á sexualidade. A esta cifra, engaden desde a organización, súmanse as numerosas consultas concretas realizadas por persoas interesadas en abordar algún aspecto específico da súa saúde ou hábitos. “O noso balance é unha vez máis moi positivo”, destaca Guillermo Santos, coordinador da Área de Saúde do campus de Ourense.

Do deporte á sexualidade

Alén de destacar os beneficios que reporta na comunidade universitaria o fomento dos hábitos de vida saudables, Guillermo Santos salienta como esta iniciativa destaca “porque é un proxecto que implica áreas de traballo moi diferentes, desde a educación á enfermaría, e chega a diferentes centros dos tres campus da Universidade de Vigo”. Deste xeito, lembra, a programación deste primeiro cuadrimestre, patrocinada polo Consello Social da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense, incluíu nove sesións, cinco delas no campus de Ourense, tres no de Vigo e unha no de Pontevedra. En cada sesión, oito persoas pertencentes á Área de Saúde, á Área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos, á Área de Nutrición e Bromatoloxía e á Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense ofreceron ás persoas interesadas información relacionada coa actividade física, a sexualidade, as drogas, a alimentación e o estado de saúde físico, entre outras cuestións.

En horario de mañá e/ou de tarde segundo cada caso, as persoas interesadas puideron achegarse aos postos que se ubicaron nos centros elixidos e solicitar información, facer consultas, resolver dúbidas ou someterse ás diferentes probas dispoñibles. “Aínda que as seccións son as mesmas de anteriores edicións, cada cuadrimestre intentamos traer algunha novidade”, comenta Guillermo Santos. Ademais, lembra, nesta edición dedicouse especial atención á hidratación antes, durante e despois da práctica deportiva e mantívose a colaboración coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, ubicándose nos lugares de celebración dos Martes Saudables unha unidade móbil na que as persoas interesadas puideron doar sangue, ademais de recibir información sobre a doazón de órganos e tecidos.

Diferentes públicos

O coordinador da Área de Saúde do campus de Ourense sinala que entre os usuarios dos Martes Saudables se distinguen varios públicos. Por unha banda, cita ás persoas que participan de todo o percorrido proposto nos postos, cubrindo as enquisas, realizando as probas e escoitando as explicacións das persoas que os atenden. Por outra banda, engade, están as persoas que, por falla de tempo principalmente, realizan consultas puntuais. Un terceiro grupo estaría formado polas 110 persoas que están participando desde o pasado curso nun proxecto de investigación que intenta coñecer o impacto dos Martes Saudables. A idea, comenta, é que durante catro anos estes estudantes asistan a unha sesión por cuadrimestre dos Martes Saudables, comparando ao remate do proxecto os seus hábitos de vida cos dun grupo de control que non participa destas actividades.

Rematado o percorrido deste cuadrimestre, Guillermo Santos avanza que xa se traballa na organización da seguinte edición coa idea de continuar consolidando a presenza dos Martes Saudables nos tres campus da Universidade de Vigo e entre a comunidade universitaria. “Cada vez somos máis recoñecidos, a xente xa sabe que periodicamente iremos aos seus centros e nos poderán facer consultas sobre os seus hábitos de vida. Agardamos poder seguir traballando nesta liña”, comenta o coordinador da Área de Saúde do campus de Ourense.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal