martes 14 de novembro de 2017

A iniciativa é unha das novidades da programación deste cuadrimestre no campus

O programa 'Deporte e Muller' arranca con actividades de solo pélvico e ioga

Está destinado a mellorar o benestar físico e mental das participantes

Rosa Tedín | Ourense

Entre as novidades da programación da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo está este cuadrimestre a posta en marcha no campus de Ourense dunha iniciativa que, baixo o título Deporte e Muller, propón un programa de actividade física e exercicio dedicado exclusivamente a este colectivo. Cada semana, as mulleres interesadas poden unirse ás sesións que se desenvolven na Ludoteca e nas que nas que na actualidade se realizan actividades de solo pélvico e ioga, estando previsto a ampliación da programación a defensa persoal.

A idea, explican desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte, é fomentar os hábitos saudables e a participación da muller nas actividades deportivas do campus de Ourense, co fin de contribuír ao seu benestar tanto físico como mental. “Con esta iniciativa quixemos pór en marcha unha actividade específica para as mulleres que respondese ás posibles necesidades deste colectivo”, apunta Rodrigo Alberte Pivida, responsable da área organizadora no campus de Ourense. Deste xeito, comenta, deseñouse un programa no que se ofertan actividades que non están dispoñibles no resto da programación deportiva que se desenvolve nas instalacións universitarias ourensás. Tendo en conta a súa posta en marcha este curso por primeira vez, desde a organización salientan que a resposta está sendo positiva nas súas primeiras semanas de desenvolvemento.

Pouco a pouco

Sofía Pérez, licenciada en Educación Física, é a encargada cada luns e mércores pola tarde en impartir o programa de actividades na Ludoteca do Edificio de Ferro. Cada sesión, explica, comeza con exercicios de solo pélvico, de Kegel, co obxectivo de fortalecer nas participantes a musculatura pélvica e evitar as consecuencias do seu deterioro. A segunda parte da sesión, engade, está centrada no ioga, levando a cabo unha “actividade de corpo-mente na que traballamos o físico a través da respiración, buscando a conexión das participantes co seu corpo”. Sendo o grupo máximo de traballo de 15 persoas co obxectivo de facer sesións personalizadas, a media diaria de participantes está en arredor de oito, agardando desde a organización ir incrementando esta cifra a medida que se vaia dando a coñecer entre os membros da comunidade universitaria esta iniciativa.

“Ao mellor o máis difícil é dar o primeiro paso de apuntarse e comezar. As persoas que proban repiten porque ven que pode ser unha actividade beneficiosa para elas e que non require de moito esforzo, máis ben de constancia”, comenta Sofía Pérez. O perfil das mulleres inscritas ata o momento, sinala, é diverso en idade e varía en función de cada sesión, tendo en todos os casos inquedanza por mellorar o seu benestar físico a través da realización de exercicios que respondan ás súas necesidades concretas. “Agardamos que pouco a pouco, e coa difusión boca a boca, sexan cada semana máis as mulleres que se acheguen a participar pois vale a pena”, sinala por último a docente do programa.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal