luns 6 de novembro de 2017

55 xogadores e xogadoras déronse cita na competición de xadrez celebrada o sábado

Marcos Lorenzo, campión do Torneo Activo Campus Ourense 2017

Tamén en deportes o equipo de rugby perdeu esta fin de semana contra o UBU Colina

Duvi | Ourense

O Edificio de Ferro do campus de Ourense acolleu o sábado, 4 de novembro, o Torneo Activo Campus de Ourense 2017. A cita, que celebra anualmente a Asociación de Xadrez Ourensán Universitario, reuniu a 55 xogadores e xogadoras de diferentes idades da provincia de Ourense. Marcos Lorenzo, do Liceo, foi o gañador da competición. Tamén en deportes, o Campus Universitario Ourense Coosur sumou unha nova derrota fóra da casa, neste caso contra o UBU Colina, e o Auriense masculino de fútbol gaélico gañou no seu no seu desprazamento á Illa de Arousa.

Resultados en xadrez

O Torneo Activo Campus de Ourense 2017 rexeuse polo sistema de xogo suízo a seis cun ritmo de 15 minutos máis tres segundos por xogada e normativa Fide. Segundo indican desde a organización, o campión do torneo foi Marcos Lorenzo, do Liceo, seguido do seu compañeiro de equipo Joaquín Bello e de Rafael Sánchez, do Ateneo. A campioa foi Samanta Couso, do Celanova. Na categoría Club Universitario Ourense primeiro foi Miguel Reza, segundo Luis Pérez e terceiro Rodrigo Arias. En sub-14 gañou Elvira Negreira; en sub-12 Xoaquín López; en sub-10 Manuel López e en sub-8 Adrián Fernández.

Derrota do Coosur

En rugby, o Campus Universitario Ourense Coosur continúa coa dinámica iniciada esta tempada no Grupo A da División de Honra B do rugby estatal de gañar cando xoga na casa e perder cando o fai fóra das instalacións universitarias. Esta fin de semana, o equipo ourensán desprazouse a Burgos para xogar contra o UBU Colina, líder de grupo. O resultado final, de 64-7, dá conta da superioridade de xogo do equipo burgalés, que dominou o encontro en todo momento.

Vitoria en fútbol gaélico

Polo que respecta ao fútbol gaélico, o Auriense FG masculino sumou unha vitoria esta fin de semana no seu desprazamento á Illa de Arousa. O encontro contra o Dorna FG, sinalan desde o equipo, consolida aos ourensáns como favoritos para meterse no grupo que dá acceso a disputar o título galego durante a segunda volta. “Cunha primeira parte moi igualada, pero xa dominada no tanteo polo equipo ourensán, a superioridade física ratificou o triunfo, cun grande acerto cara a portería da dianteira do Auriense”, comentan desde o club. O resultado final foi de Dorna 5-11 (26) Auriense 8-13 (37). O próximo encontro para ourensáns será o domingo 12, a partir das 16.30 h, no campus universitario, cunha dobre xornada na que o Auriense recibirá a visita de Ártabros (masculino e feminino) da Coruña.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal