luns 6 de novembro de 2017

Os vascos son un equipo duro que presenta unha das mellores defensas do campionato

O Kaleido Universidade de Vigo de Rugby cae en Vigo ante o Babyauto Zarautz 22-33

Tras unha primeira parte desastrosa, os vigueses non foron quen de remontar o partido

Duvi | Vigo

A competición non da tregua e tras a gran vitoria lograda na xornada pasada fronte ao Bathco Rugby Club, o Kaleido Universidade de Vigo de Rugby recibiu este domingo na casa ao terceiro clasificado de División de Honra B, o Babyauto Zarautz RT, un dos equipos máis fortes da táboa, que compite co Bathco e co Colina Clinic de Burgos por alcanzar o primeiro posto na clasificación. Foi un partido duro no que, tras unha primeira metade desastrosa, o equipo vigués non foi quen de reaccionar, concluíndo o encontro 22-33.

Abriu o marcador o vigués Carlos Davila e, salvo ese golpe de castigo inicial, pouco máis puideron facer os xogadores vigueses na primeira parte do encontro. Foron minutos de escaso ritmo e malos pases nos que o equipo local apenas tivo a posesión. Ante esta difícil situación, o responsable do equipo vigués, Norm Maxwell, aproveitou o descanso para falar cos seus pupilos e darlles unha serie de indicacións que lles permitisen afrontar a segunda parte con novos folgos.

Tras o descanso o equipo vigués abordou o partido con moita maior firmeza e moito máis ritmo e o vasco comezou a cometer os seus primeiros erros. Así chegou o ensaio de Tatafu aos catro minutos de xogo, primeira de toda unha serie de xogadas que lle permitiron ao equipo vigués colocar o marcador 15-26 con aínda media hora por xogar. O Vigo Rugby buscaba a vitoria pero, finalmente, non puido ser, se ben quedou coa sensación positiva de ser quen de reaccionar cando todo estaba en contra.

 

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal