luns 30 de outubro de 2017

Vitoria ante o Bathco, un dos favoritos da categoría, por 34-31

Tras a tempestade, chega a calma ao Kaleido Universidade de Vigo

A fin de semana deixa tamén bos resultados en orientación e carreiras populares

Duvi | Vigo

O regreso de Tatafu foi un revulsivo para o Kaleido Universidade de Vigo Rugby Club. Tras a contundente derrota da pasada fin de semana ante o Burgos, este domingo os vigueses foron quen de sorprender a un dos principais favoritos da División de Honra B, o recentemente descendido Bathco. Nun encontro moi disputado, no que ambos conxuntos foron sucedéndose ao fronte do marcador, finalmente o equipo universitario impúxose por 34-31 aos cántabros nesta sexta xornada xogando como local. O Kaleido sumou os catro puntos do triunfo máis o bonus ofensivo froito dos cinco ensaios anotados.

O Bathco abriu o marcador, pero os locais repuxéronse e reaccionaron para superar aos cántabros conseguindo poñerse nun 22-7. Os de Santander volveron tomar as rendas do partido na segunda parte ata poñerse por diante con 27-31 a dez minutos do final. Pero finalmente os universitarios conseguiron redondear o partido cun ensaio de Valentín Gutiérrez transformado por Carlos Davila, que deixou o marcador definitivo de 34-31. O conxunto olívico queda deste xeito cuarto na clasificación con 17 puntos, por detrás de UBU-Colina Clinic con 27; Bathco Rugby Club con 22 e Babyauto Zarautz RT con 20.

Na Segunda Territorial Galega, a cuarta xornada deixou unha derrota para os universitarios que caeron por 13-12 ante o Barbanza Clínica Mares RC. Na Liga Galega Feminina, o Campus Ourense Rugby venceu por 39-27 ao Kaleido Universidade de Vigo Rugby Club Feminino.

Bos resultados 11ª proba da Liga Galega de Orientación

Os bos resultados do rugby esta fin de semana esténdense tamén ao deporte de orientación. O equipo universitario regresou de Abadín (Lugo) con varios primeiros e segundos postos obtidos na décimo primeira proba da Liga Galega de Orientación, competición que constaba dunha carreira de distancia longa nun terreo que se caracterizaba por desniveis moderados en bosque de pinos e vexetación rastreira. Brais Piñeiro acadou o 6º posto en Elite masculina, a máxima categoría da competición, mentres Julia Fuertes foi primeira en mulleres <21 e David E. Pinal en homes>55. Acadaron cadanseu segundo posto Irene Álvarez en mulleres <14, Ana Iglesias en mulleres >40 e Diego Pérez en homes <12.

Un segundo posto na V Carreira pola esclerose múltiple

Nesta fin de semana o equipo de atletismo e carreiras populares da Universidade participou tamén V Carreira pola esclerose múltiple, organizada por Avempo na cidade de Vigo. Entre os 1500 corredores que tomaron a saída había tres atletas universitarios. A carreira deu comezo ás 11.00 horas e transcorreu en dúas voltas ao longo de 10100 metros en total entre a alameda de Bouzas e a rúa Beiramar. Finalmente, a mellor praza para os universitarios foi para Roberto Alberti González, segundo na categoría sub 24 masculina.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal