mércores 25 de outubro de 2017

Peña Trevinca imparte durante seis sábados consecutivos un curso de iniciación no rocódromo do campus

18 horas para descubrir os secretos da escalada

Tres monitores ensinaran aos asistentes conceptos teóricos que logo se porán en práctica

Mª del Carmen Echevarría | Vigo


Unha decena persoas, entre membros da comunidade universitaria e de fóra dela, achegaranse desde este sábado 28 de outubro e ata o 2 de decembro á práctica da escalada no rocódromo do campus de Vigo. Da man de tres monitores, as e os inscritos no curso de iniciación á escalada en rocódromo que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo en colaboración co Club Peña Trevinca, terán ocasión de achegarse a un deporte que por primeira vez estará presente nunhas olimpíadas, as de Tokio 2020. O curso, que se desenvolverá durante seis sábados consecutivos entre as 10.30 e as 13.30 horas, é, segundo o presidente do Club Peña Trevinca, Carlos Garrido, “unha maneira de comezar a atraer aos estudantes a que practiquen esta modalidade deportiva, pois o certo é que engancha moito a quen o practica e cada vez haberá máis xuventude que queira facer escalada”.

Tres monitores de escalada en rocódromo titulados pola Escola Galega de Alta Montaña impartirán o curso, no que se ensinarán uns conceptos teóricos que a continuación se porán en práctica. “O importante é non comezar con malas prácticas. Como noutras cousas é moito mellor no coller malos vicios ao principio, que na escalada tamén os hai”, sinala Garrido, que en relación coa necesidade de que as e os participantes teñan unhas condicións físicas concretas para practicar este deporte, asegura que “mentres non se practique non se saberá as condicións de cada un e a capacidade de mellora”.

Difusión das actividades de Peña Trevinca a través da Universidade

A finais do ano 2016 a Universidade de Vigo e o Club Peña Trevinca chegaron a un acordo de colaboración, que se plasmou a principios de 2017 nun convenio polo que a institución académica difunde as accións do club e facilita que organice actividades específicas de escalada e utilicen o rocódromo, que Garrido recoñece que precisa “unha pequena posta ao día, que parece que pronto se vai acometer. Para impartir este curso está aceptable e se logo se mellora sería estupendo para que as persoas que xa teñen coñecementos básicos, logo practiquen”.

Sendeirismo e montañismo coa sección infantil, son outras actividades que o Club Peña Trevinca pretende desenvolver en colaboración coa Universidade de Vigo, a única institución coa que o club colabora neste intre.
Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal