luns 16 de abril de 2018

A FFT acolle unha mostra cunha trintena de volumes traducidos do personaxe de Hergé

Para-traducir Tintín ou cando as imaxes cobran vida

Organizada polo programa de doutoramento de Tradución e Paratradución

Mª del Carmen Echevarría | Vigo

Desde hoxe e durante dúas semanas a voz de Tintín e as dos seus compañeiros de aventuras resoarán nunha trintena de idiomas diferentes no vestíbulo da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Organizada polo programa de doutoramento de Tradución&Paratradución (T&P) e o decanato do centro, Del paratexto a la paratradución: la colección de Tintín de Pedro Rey o cuando las imágenes cobran vida é o título da mostra integrada por 32 volumes das aventuras de Titín, editados noutras tantas linguas, aos que se suman cinco figuras, tamén propiedade do tintinófilo galego Pedro Rey, que posúe unha das maiores coleccións do mundo sobre o reporteiro creado polo debuxante belga Georges Rémi, “Hergé”. “No doutoramento facemos especial fincapé no que constitúe a propia esencia de toda banda deseñada: a especial e mestiza relación intersemiótica existente entre a parella texto/imaxe. Son motivos máis que suficientes para plantearnos unha dobre actividade: a mostra e o relatorio que Pedro Rey ofrecerá na facultade o día 25 de abril, titulada Las lenguas de Tintín”, explica José Yuste, docente e investigador do programa de doutoramento T&P.

A lectura dunha entrevista a Pedro Rey está a orixe desta mostra, que se poderá visitar ata o 27 de abril e que inclúe obras traducidas, entre outros idiomas, ao galego, xaponés, turco, polaco, ruso, latín ou castelán. “A medida de ía lendo e polas respostas que daba reparei que a paratradución lle daría outra dimensión á interpretación das cubertas e de todo o que rodea ao universo Tintín, incluíndo a mercadotecnia”, detalla Óscar Ferreiro, docente e investigador do programa de doutoramento T&P, que recoñece que se puxo en contacto con Rey, propietario dun total de 116 exemplares de Tintín noutros tantos idiomas e dialectos, nada máis rematar a lectura do artigo.

Puntos de conexión entre o universo de Tintín, a tradución e a paratradución

Partindo da idea de que a edición dun texto é imposible sen os paratextos e que non pode haber tradución sen paratradución, “no caso que nos ocupa, o das aventuras de Tintín”, explica Yuste, “o texto de cada unha das traducións dos albumes existe en función dos paratextos traducidos que o presentan, introducen, acompañan, rodean, envolven e prolongan no mundo editorial en cada lingua e cultura: desde a paratradución das cubertas – que resultan ser os paratextos paratraducidos máis importantes e son os que público poderá contemplar na exposición- ata a edición da portada e a información da contraportada, pasando por cada unha das paratraducións das imaxes debuxadas por Hergé para ilustrar o texto en francés do seu cómic”.

Yuste e Ferreiro inciden en que sen imaxe, sen paratexto, non existiría o texto da banda deseñada. “Como todo paratexto, o peritexto icónico da imaxe presenta, introduce, rodea, acompaña, ilustra o texto dentro do espazo físico do álbum e, fóra do espazo físico do álbum, o epitexto icónico prolonga o imaxinario da banda deseñada en multitude de producións paratextuais tan variadas como variopintas”, explican ambos investigadores, que destacan, que desde se creou a noción de paratradución en 2005 no seo do grupo T&P e no do grupo de doutoramento, o estudo empírico, sociolóxico e discursivo de todo o que fai a edición dun texto traducido sexa posible- os paratextos- ten como referencia internacional a corrente traductolóxica da xa recoñecida mundialmente como “Escola de Vigo”. “Proba diso é a nada desprezable Bibliografía dos impactos científicos da noción de paratradución que, cada ano, aumenta con publicacións científicas de investigadoras e investigadores internacionais editadas en idiomas tan diferentes como: español, galego, catalán, portugués, brasileiro, italiano, francés, inglés, alemán, chinés, lituano, polaco, ruso e grego”, detallan os docentes da FFT.

Paratextos para todos os públicos

Aínda que a mostra está nun principio dirixida ao alumnado de segundo e terceiro ciclo en Tradución e Interpretación, os organizadores consideran que está destinada a todos os públicos e moi en especial ao alumnado de secundaria, que xa visitara a mostra Galegos en Mautausen, organizada polo investigador do grupo T&P Xoán Manuel Garrido. Os 32 volumes expostos fan posible, segundo Yuste, unha reflexión metatextual, tanto sobre a propia obra da banda deseñada de Tintín, como o seu proceso de creación: os seus medios de produción, a súa escritura, a súa ilustración, a súa distribución. “Grazas ao paratexto todo se converte nun pretexto para-traducir o imaxinario dunha banda deseñada concibida como obxecto cultural na súa edición en papel; as producións paratextuais superan os marxes do formato libro para adoptar diferentes soportes materiais que o coleccionista se encarga de recompilar: desde figuras de diferentes tamaños que reproducen a imaxes dos personaxes, pasando por unha infinidade de produtos de promoción comercial que atopan en tendas especializadas alimentadas pola mercadotecnia”, asegura Yuste, que advirte de que da paratradución dos peritextos dentro da banda deseñada á paratradución dos epitextos fóra del, o que nun principio, era un ben cultural, pode chegar a converterse nun mero produto de consumo. Así, no caso concreto de Tintín, o investigador explica que “moitos do epitextos ‘creativos’ non son fabricados para-traducir o imaxinario de Tintín, senón para outros fins moito máis espurios”, lamenta.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal