luns 16 de abril de 2018
Pontevedra acolle unha serie de actividades articuladas en torno ao Campus Crea S2i
A Casa das Campás acolle desde este luns a exposición ‘Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar’
Eduardo Muñiz | Pontevedra
O campus de Pontevedra inicia este luns un amplo programa de actividades articulado en torno aos dous piares do seu proxecto de especialización, Crea S2I, a creatividade e a innovación social e sustentable, fío de unión das preto de vinte propostas que integran o programa impulsado pola Vicerreitoría do campus coa colaboración das diferentes facultades e escolas. A Semana Internacional da Creatividade e da Innovación deu comezo na mañá deste luns coa apertura da exposición Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, primeiro acto dun programa que aglutina conferencias, actividades culturais, obradoiros e sesións de traballo dirixidas ao persoal docente e investigador.
Comisariada pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires e desenvolvida coa colaboración de Deputación de Pontevedra, Campus de Excelencia Internacional-Campus do Mar e Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, a exposición que ata o 21 de maio poderá visitarse na sede da Vicerreitoría chega a este espazo tras pasar polos tres campus da institución académica. “A idea de traela de volta aquí é a de achegala á cidade”, sinala Álvarez Lires dunha mostra que reúne nos seus diferentes paneis unha escolma de 40 fotografías, que abranguen desde as primeiras décadas do pasado século á actualidade, co propósito de pór en valor o traballo, “moitas veces invisible”, desenvolvido polas mulleres en diferentes sectores e actividades vinculadas ao mar. Traballadoras da salga e da conserva, mariscadoras ou vendedoras de peixe protagonizan así unha exposición que presenta un bo número de fotografías inéditas e que se completa con dous paneis dedicados ás oceanógrafas Aida Fernández Ríos e Ángeles Alvariño e que o grupo de investigación da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais desenvolveu xunto cunha web con diferentes recursos, “que continuamos ampliando con novos materiais”.
Na apertura da exposición, a comisaria estivo acompañada polo director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, quen destacou que esta iniciativa “encaixa perfectamente dentro da Semana da Creatividade e da Innovación e dun campus sostible”, ademais de supor tamén unha aposta pola igualdade, “poñendo en valor algo que é evidente pero que moitas veces non se ve”.
Así mesmo, na primeira xornada desta Semana Internacional da Creatividade e da Innovación insírese tamén a gravación na Casa das Campás do programa RadioEscaparate, que realizan estudantes de CCSS e da Comunicación, que nesta ocasión centrará nos contidos nesta semana, e a proxección, no Teatro Principal, do documental Las chicas de Amanecer Dorado, dentro do ciclo Docs del Mes.
Morquecho tamén puxo de relevo que esta exposición é a primeira dunha “serie de actividades abertas ao público” no marco desta semana, como o concerto no que este martes ás 20. 30 horas cuarteto de corda de instrumentos orixinais que integran os músicos e docentes do conservatorio Manuel Quiroga Xacobe Lamas, Sergio Heredia, Salvador Vicente e Arquímedes Abal interpretará na Casa das Campás composición de Haydn, Boccherini ou Richter. Tamén conferencias como O futuro do traballo na cuarta revolución industrial, que o mércores impartirá o coordinador da Rede Galega de Fablabs, Ramón Suárez; Ensinar ciencias a través do teatro, que o xoves traerá a Ciencias da Educación e do Deporte ás docentes da Universitat Autónoma de Barcelona Moira Costa e Nuria Solsona; eo relatorio sobre a arte no Xapón que ese mesmo día ofrecerá en Belas Artes Javier Vives. Do mesmo xeito, a partires deste martes poderá visitarse en CCSS e da Comunicación a exposición Talento Creativo e Innovador. 30 propostas de innovación de produtos, que reúne en diferentes paneis as ideas de produtos innovadores que desenvolveron preto de 150 estudantes da facultade.
No programa desta semana insírense tamén diferentes obradoiros dirixidos á comunidade universitaria, como o taller de experimentación audiovisual que desde este martes imparte na Casa das Campás, en colaboración co festival Novos Cinemas, a artista e videocreadora María Cañas. Tamén mañá, Ciencias da Educación e do Deporte acolle un obradoiro de relaxación e control da ansiedade, que se desenvolve xunto co Gabinete Psicopedagóxico, mentres que CCSS e da Comunicación acolle mércores e xoves dous talleres prácticos sobre organización de eventos e desenvolvemento de actividades de comunicación e linguaxe, promovidos en colaboración co XVIII Curso de Comunicación e Protocolo-Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública. Nesta facultade desenvolverase ademais, o xoves, o taller Como converter unha idea en realidade con ferramentas de fabricación dixital.
Dúas sesións de traballo, sobre transferencia e agrupacións estratéxicas, dirixidas aos investigadores e investigadoras do campus forman parte tamén dun programa que se completa cun concurso de fotografía en Instragam, aberto a todas as persoas maiores de 13 anos, que ten como temática o Campus Crea S2i e os seus valores de innovación, creatividade e compromiso ambiental.