martes 10 de abril de 2018

Celebrarase o venres 13 de abril no Centro Cultural Camões en Vigo

A historia do feminismo da península ibérica centra un coloquio internacional organizado pola Cátedra Saramago

Co gallo da publicación do libro 'A New History of Iberian Feminisms' de S. Bermúdez e R. Johnson

Mª del Carmen Echevarría | Vigo

“Saramago sempre defendeu a importancia das mulleres na historia, sempre alertou contra o silenciamento ao que a ‘historia dos vencedores’ e o patriarcalismo histórico as abocara. As figuras femininas das súas novelas sempre son máis fortes e auténticas do que os masculinos”. Estas son dúas das razóns polas que, segundo o seu presidente, Burghard Baltrusch, a Cátedra José Saramago da Universidade de Vigo implícase cos estudos de xénero, “particularmente aqueles relacionados cos ámbitos galego e lusófono”. Proba deste compromiso é a celebración o vindeiro venres 13 de abril, no Centro Cultural Camões en Vigo, do coloquio internacional Uma nova história dos feminismos ibéricos, coincidindo coa publicación do libro A New History of Iberian Feminisms, editado polas profesoras Silvia Bermúdez (University of California- Santa Barbara) e Roberta Johnson (University of Kansas), “unha obra absolutamente fundamental para a historia do feminismo na península ibérica, que aínda carece dunha narrativa sintética”, asegura Baltrusch.

Con entrada libre, máis condicionada a inscrición previa no enderezo catedrajosesaramago@gmail.com ata o 12 de abril, o coloquio contará coa participación de Silvia Bermúdez, que ademais de presentar o volume, realizará unha contextualización histórica do estado da investigación dende a obra pioneira El feminismo ibérico (1970) de Aurèlia Capmany, ata a presente obra. Pola súa banda, Vanda Anastácio, da Universidade de Lisboa, demostrará a aplicabilidade do concepto do feminismo nas épocas anteriores ás primeiras sufraxistas, “algo ao que se resisten aínda a maioría dos historiadores da cultura portugueses”, sinala o responsable da Cátedra. Na sesión, Olga Castro, da Aston University, achegarase ao ámbito galego, centrándose nos trazos distintivos do feminismo galego nos comezos do século XX e nunha mesa redonda final, xuntaranse as tres conferenciantes con outra coautora, María do Cebreiro Rábade Villar, para abordar a situación actual dos feminismos ibéricos desde a transición ou do 25 de abril ate a actualidade. A propia María do Cebreiro cun recital poético-musical e o grupo Cintaadhesiva de Silvia Penas cunha actuación musical serán os encargados de pechar o coloquio.

Unha obra de referencia para achegarse á historia do feminismo ibérico

Para Burghard Baltrusch a obra A New History of Iberian Feminisms, que se presenta este venres no coloquio internacional, “é a máis completa antoloxía de estudos da evolución dos feminismos nas diferentes culturas ibéricas dende a ilustración”. O volume editado polas docentes Silvia Bermúdez e Roberta Johnson ofrece a posibilidade dunha perspectiva transversal a través de diferentes períodos históricos, áreas xeopolíticas e ámbitos lingüísticos discursivos, “o que nos permite apreciar dunha forma moi detallada e variada a complexidade do pensamento e do activismo feminista no espazo ibérico ao longo de varios séculos”, sinala o responsable da Cátedra Saramago.

Baltrusch considera incuestionable que A New History of Iberian Feminisms “é unha obra de referencia non só para a historia do feminismo mais tamén para a historia xeral das mulleres da península ibérica. Moi especialmente para o ámbito portugués que continúa a ser un eido que aínda carece de moitos estudos básicos”.

Semana de cinema da África lusófona da Universidade de Vigo

Esta mesma semana, entre os días 9 ao 11 de abril, a Cátedra Saramago está a desenvolver no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución unha semana de cinema da África lusófona que inclúe a proxección de tres filmes dos ámbitos temáticos de Angola, Guiné-Bissau e Moçambique. Con entrada libre, as proxeccións comezaron onte co filme Terra sonámbula e continuaron hoxe, coa película Po di Sangui de Flora Gomes para finalizar mañá ás 13.00 horas con Tabu de Miguel Gomes.

As actividades da Cátedra volverán o 3 de maio cun seminario sobre poesía actual en Portugal a cargo da profesora Joana Meirim e a presentación da revista de poesía Jogos Florais.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal