mércores 14 de febreiro de 2018

A Biblioteca Rosalía de Castro dedica o seu espazo temático a este país

Os amantes da cultura xaponesa tamén teñen o seu recuncho no campus

A selección de obras expostas abrangue tanto autores clásicos como actuais

Duvi | Ourense

Unha das culturas que máis fascinación suscita alén das súas fronteiras é a xaponesa. Conscientes deste interese e máis concretamente no referido á literatura feita por escritores e escritoras do país nipón, a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense vén de dedicarlle o seu último recuncho temático. Nel, clásicos da literatura xaponesa mestúranse con autores moi populares na actualidade co obxectivo último de espertar o interese de potenciais lectores.

“O noso obxectivo con este recuncho é achegar a narrativa, a poesía e o cine xaponés aos nosos usuarios e usuarias. Eliximos esta cultura polo interese que sempre esperta na xente”, comentan as técnicas da biblioteca promotoras desta iniciativa. A selección de fondos exposta no recuncho, situado á entrada do centro, indican, caracterízase pola súa diversidade. Deste xeito, abrangue “desde autores clásicos, como Natsume Soseki, Yasunari Kawabata e Osamu Dazai, ata contemporáneos e moi coñecidos como Murakami ou Banana Yoshimoto, ademais dun Premio Nobel como Kenzaburo Oe e unha pequena mostra de mestres do haiku”. Ata o de agora o espazo pon a disposición dos usuarios libros de literatura e películas pero desde o centro sinalan que está previsto que se inclúan paulatinamente tamén obras relacionadas con diferentes elementos da cultura xaponesa, como pode ser a súa historia ou gastronomía.


 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal