xoves 8 de febreiro de 2018

Estudantes de BBAA participan en Holanda en mostras colectivas xurdidas do proxecto ‘Apprentice/Master’

Diálogos internacionais coa arte como linguaxe común

A alumna Raquel Fernández exhibe nestas semanas os seus traballos en Eindhoven

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Un grupo de novos e novas artistas de diferentes países, traballando desde a distancia nun mesmo proxecto expositivo seguindo as propostas dun ou dunha artista de maior traxectoria. Ese é o proceso sobre o que se articulan as diferentes exposicións colectivas que a plataforma Kunstpodium T da localidade holandesa de Tillburg articula como resultado do encontro internacional Apprentice/Master, que o pasado mes de outubro levaba ata Holanda a catro estudantes de Belas Artes. Coa chegada de 2018 deu comezo tamén un calendario de exposicións en cinco cidades holandesas que levou ata Eindhoven a Raquel Fernández Barreiro, unha das catro artistas presentes en Enclosed Valley, unha exposición colectiva na que, explica, buscaron “xerar un diálogo entre todas as pezas, traballando en equipo”.

Baixo a coordinación de Gam Bodenhausen, os gravados de Fernández Barreiro conflúen nesta mostra coas esculturas de Martijn Linssen, os debuxos de gran formato de Floor Schothorst, as creacións en vídeo de Camila Fanning e os pequenos debuxos da propia Bodenhausen. “A idea para a exposición era partir de determinadas pezas que cada un considere importantes dentro da súa obra para, unha vez no lugar expositivo, crear algo único entre os cinco, xerando unha simbiose”, sinala esta alumna do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación da exposición que nestas semanas se exhibe no Temporary Art Centre (TAC) de Eindhoven.

Exposición que, relata, é tamén o resultado dunha semana de traballo no propio espazo na procura desa simbiose que Fernández Barreiro recoñece como unha “experiencia única, moi positiva en todos os sentidos”. Non en van, ata as xornadas previas á inauguración, celebrada o 18 de xaneiro, o traballo que os e as artistas tiñan que realizar partindo da idea proposta por Bodenhausen debía realizarse desde a distancia. Situación que “complica un pouco as cousas”, recoñece esta artista, que, non obstante, tamén fai énfase en que “todos os nosos proxectos están moi conectados, teñen unha estética que encaixa moi ben e, a pesar de que cada un traballa con técnicas diferentes, todos presentamos como medio de traballo común o debuxo”. Nese senso, Fernández Barreiro salienta como “moi evocadoras e expresivas” as pezas que os outros catro artistas achegaron a unha exposición que tiña como punto de partida a proposta de Bodenhausen de situarse no medio “dun val pechado” para crear unha nova paisaxe “onde humanos, animais, bosques, arxila, océanos, vida e morte son todos parte do mesmo ser”, segundo explica o texto de presentación de Enclosed Valley.

No caso de Fernández Barreiro, esta idea levouna a propor unha reflexión “sobre a problemática do ser” a través de “personaxes de aparencia esperpéntica”, uns “seres inertes” que creou a partires de técnicas como a serigrafía, monotipos ou procesos aditivos, facendo do gravado “un recurso a través do que poder plasmar pensamentos”, neste caso, unha representación do ser humano “como único inimigo de si mesmo, capaz de aniquilar sen piedade”.

Un amplo calendario de exposicións

De cada un dos grupos de traballo constituídos neste encontro internacional, integrados por estudantes de arte de diferentes países e un ou unha master artist como comisario, saen as diferentes exposicións colectivas que Kunstpodium T está promovendo desde comezos de 2018. Así, á participación de Fernández Barreiro nesta iniciativa sumarase ás dos outros tres estudantes do campus que participaron na última edición deste encontro, Diego Pazó, Ana Pérez Valdés e Brais Romero. Os dous últimos formarán parte dunha das últimas mostras derivadas desta edición, programada para finais de maio en Expoplu, un espazo alternativo da cidade de Nijmegen, coa artista Danielle Lemaire como comisaria.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal