xoves 8 de febreiro de 2018

No marco da conmemoración do día dedicado á escritora galega

Búscanse microrrelatos de ata 134 palabras sobre Rosalía de Castro

O prazo de participación está aberto ata o 23 de febreiro

Duvi | Ourense

O día 24 de febreiro celébrase, desde 2010 e a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Día de Rosalía de Castro, coincidindo co aniversario do seu nacemento. Por segundo ano consecutivo, o campus de Ourense unirase a esta conmemoración desenvolvendo diferentes actividades. Entre elas está a convocatoria dun certame de microrrelatos aberto á participación de toda a comunidade universitaria.

A programación do Día de Rosalía no campus de Ourense está organizada pola Área de Cultura, a biblioteca universitaria e polos docentes da Facultade de Ciencias da Educación Isabel Mociño, Javier Blanco e Xosé Constenla. Recollendo o convite que fai a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega de animar a todo tipo de institucións a participar nesta conmemoración, as persoas implicadas deseñaron un amplo abano de actividades que culminará o día 27 de febreiro coa celebración dunha homenaxe no Edificio de Ferro.

O certame 

No Concurso de Microrrelatos Día de Rosalía A túa Rosalía pode participar calquera persoa da comunidade universitaria da Universidade de Vigo. O traballo consistirá nun microrrelato de tema libre que debe iniciarse ou pecharse cun verso dun poema de Rosalía de Castro, valorándose a elección de versos pouco coñecidos desta autora. Os traballos deben ser orixinais e non ter sido premiados en ningún outro concurso, sendo a extensión máxima de 134 palabras, unha por cada ano transcorrido desde o falecemento da escritora.

Os microrrelatos deben estar escritos en lingua galega. Concederase un único premio consistente nun vale de 150 euros para compras en librarías de Ourense, diploma conmemorativo e un agasallo. O xurado pode acordar, en función da calidade dos traballos presentados, asignar accésits que se recoñecerán con diploma conmemorativo e agasallo. O prazo de presentación está aberto ata o 23 de febreiro de 2018.

Máis programación

No marco da celebración do Día de Rosalía, tamén se levará a cabo na Biblioteca Rosalía de Castro do campus a actividade Escribíndolle a Rosalía. Nun mural coa silueta da cara da homenaxeada feito polo artista e profesor da Facultade de Ciencias da Educación Javier Blanco, convidarase ás persoas interesadas a deixar escrito algún verso da escritora, conformando todos eles en conxunto a súa faciana. O mural estará no centro ata o 26 de febreiro e na súa composición poderán participar todas as persoas que o desexen. Tamén na Biblioteca Rosalía de Castro habilitarase unha mostra bibliográfica sobre a escritora galega do 19 de febreiro ao 2 de marzo na que se visibilizarán os fondos dispoñibles dela neste centro.

O acto central de conmemoración do Día de Rosalía terá lugar no campus de Ourense o martes 27 de febreiro. Nel lerase o manifesto desta conmemoración AbrideAFiestra, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; entregaranse os galardóns do certame de microrrelatos; presentarase a exposición Imaxes de Rosalía, realizada por alumnado de Educación Infantil, e visionarase unha peza sobre a elaboración do mural feito na biblioteca. Pechará o acto unha intervención musical de Xosé Constenla, profesora na Facultade de Ciencias da Educación, e unha lectura poética aberta á comunidade universitaria. O acto será ás 12.00 h, na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal