xoves 8 de febreiro de 2018

A estudante de CCSS e da Comunicación Araceli Louro é a produtora dunha das webseries nomeadas

O talento do campus faise un oco entre os finalistas dos Mestre Mateo

Dous proxectos do alumno de doutoramento de BBAA David Fidalgo figuran tamén entre os seleccionados

Eduardo Muñiz | Pontevedra

“Que recoñezan o teu traballo sempre é algo bo que che anima a seguir”. Deste xeito salienta o alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes David Fidalgo a súa presenza, por segundo ano consecutivo, entre os nomeados e nomeadas aos premios Mestre Mateo, que outorga a Academia Galega do Audiovisual. Entre os proxectos candidatos e candidatas aos premios que se entregarán o vindeiro 3 de marzo na Coruña figuran desta volta dous traballos de animación, a curta Sinceramente, yo ya no razono e o videoclip Días y días, pero tamén a webserie Generación Wifi, da que é produtora a alumna de Ciencias Sociais e da Comunicación Araceli Louro, quen recoñece a súa presencia entre os seleccionados e seleccionadas tralas votacións efectuadas polos membros da academia como “unha recompensa a todo o esforzo que investimos na webserie”.

Repetindo presenza e por duplicado

Tras figurar en 2017 entre os candidatos a facerse co premio á mellor curta de animación por Cartas a Superman, David Fidalgo volverá a optar a estes galardóns neste 2018 con Sinceramente, yo ya no razono, unha peza que recoñece, “non é unha curtametraxe como tal”, senón que é unha obra que “ten a súa vida nas exposicións” de arte contemporánea. Baseada no programa de televisión Mujeres, hombres y viceversa, Fidalgo formula unha “obra crítica a través da ironía e do absurdo”, na que reflexiona “sobre o machismo que hai hoxe en día na televisión”, mais tamén, unha obra “que non obedece aos canons narrativos do cinema”. De feito, máis aló da súa selección na última edición do Festival de Cans, o espazo de exhibición desta peza foron diferentes exposicións nas que estivo presente xunto cun cadro deste artista, entre elas, o certame Plástika 17, da sala Apo’strophe de Vigo, do que Fidalgo resultou gañador.

“Por iso alégrame moito o nomeamento nos Mestre Mateo, pois demostra que se pode arriscar e chegar”, salienta este alumno, quen tamén optará a este galardón co seu primeiro videoclip, a animación que realizou para a canción Días y días do grupo barcelonés Delafé. “Foi unha experiencia xenial e tormentosa, pois conseguir que a imaxe e a canción dialoguen e vaian da man non é algo sinxelo, e para min era o máis importante”, recoñece dun proxecto para o que contou, recoñece, con “total liberdade e confianza”.

Un aliciente para seguir adiante

Dirixida pola xornalista Julia Castro, Generación Wifi é unha webserie que aborda desde o humor a adicción ás novas tecnoloxías da sociedade actual, estreada o pasado mes de outubro en Pontevedra e cuxo equipo técnico estaba integrado principalmente por estudantes e titulados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. De recrutalos e recrutalas encargouse a alumna de Comunicación Audiovisual Araceli Louro, quen recoñece como algo moi positivo para o seu currículo a súa presenza entre a listaxe de finalistas feita pública este mércores. “É un aliciente e, como produtora, para min en parte é tamén unha tranquilidade, porque estabamos barallando a posibilidade de facer unha segunda tempada e ser nomeada axúdache a conseguir xente que poida colaborar ou patrocinios”, salienta esta estudante dun proxecto que, trala súa presentación, está aínda “dando os seus primeiros pasos” e presentando as súas primeiras candidaturas a diferentes festivais.

Entre os nomeados e nomeadas á décimo sexta edición destes premios figura tamén o realizador José Villaverde, que opta de novo, polo seu traballo no programa Land Rober Tunai Show, ao galardón á mellor realización que xa obtivera en 2016. Trátase, de feito, do quinto nomeamento a estes premios dun profesional que combina o seu traballo no sector audiovisual cos estudos do grao en Publicidade e Relacións Públicas.

Do mesmo xeito, entre os nomeados e nomeadas tamén figuran tituladas de CCSS e da Comunicación como Anxos Fazáns, a directora de A Estación Violenta, candidata a oito premios, entre eles o do galardón á mellor dirección e á mellor montaxe, que esta alumna realizou xunto a Diana Toucedo e a tamén egresada da facultade Iria Silvosa. Tamén se formou no centro Álvaro Gago, candidato ao premio á mellor curta por Matria, recentemente premiada no Festival de Sundance, ao igual que Lucas Terceiro, titulado en Publicidade e RRPP e candidato a estes premios polo videoclip Todos los gallegos, que realizou para Fernando Tato y Los Animales.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal