xoves 21 de decembro de 2017

Pódense ver no estanque e na Biblioteca Rosalía de Castro

As exposicións 'Sen moldes' e 'Primeira liña' pechan o Outono Fotográfico no campus

A 35 edición do certame trouxo sete mostras ás instalacións universitarias

Duvi | Ourense

Sen moldes, comentarios fotográficos sobre os xéneros e Primeira liña son as dúas últimas exposicións coas que o campus de Ourense participa este ano na 35 edición do Outono Fotográfico que se está a celebrar en diferentes puntos da xeografía galega e lusa. Nelas estudantes ou titulados da Facultade de Belas Artes de Pontevedra afondan desde un punto de vista crítico na sexualidade e na “marbellización” do litoral galego. Con estas dúas mostras son sete as exposicións celebradas nas instalacións universitarias no marco deste Outono Fotográfico.

Mirando a sexualidade sen moldes

A mostra Sen moldes, comentarios fotográficos sobre os xéneros, está curada por Mar Caldas, profesora da Universidade de Vigo, e conta coa colaboración da Unidade de Igualdade. Esta mostra, que estará ata o 11 de xaneiro de 2018 na Biblioteca Rosalía de Castro, reúne 18 fotografías realizadas por alumnado de primeiro curso do Grao en Belas Artes. Na materia Técnicas Fotográficas propúxoselles que elaborasen imaxes que reflexionasen sobre a orde sexual imposta, contrapoñendo visións críticas, discrepantes, anovadoras, creativas, diverxentes ou mesmo paradoxais.

“Polas vías da denuncia ou da proclamación, desde a parodia ou a evocación, con humor ou con solemnidade, con afectividade ou con desapaixonamento, o alumnado construíu estas imaxes que quebran cos roles de xénero tradicionais e exploran sexualidades liberadas das normas”, sinala a curadora. As imaxes, destaca, “convídannos a incorporar novos principios de visión, a desfacernos de vellos esquemas mentais, a imaxinar diversas subxectividades, construídas sen feituras prefixadas, sen moldes”.

Destacando o compromiso do alumnado participante nesta iniciativa, Mar Caldas salienta como nela queda patente “que non cremos nos roles impostos” e que os comportamentos que se saen “da norma” están moito máis presentes na vida cotiá de calquera persoa do que se poida pensar a priori. Participan na exposición Alba GR, Alex Viador, Anubis, Blanca Rossignoli, Fran, David Peetermans, Jacobo García Penelas, Jorge Alonso Rodríguez, Judit Porto, Lara Castro, Mus, Nicolás López da Motta, Pepeee, Sandra Aguilar, Sandra Montero, Sara Moneiro, Tuset e Vera Moreno.

A "marbellización" do litoral galego

Por último, o estanque universitario é o escenario da exposición Primeira liña, de Sabela Andrés, titulada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Trátase, explica a creadora, “dunha reflexión sobre a "marbellización" do litoral galego: o boom urbanístico, a masificación turística ou o impacto medioambiental. Un percorrido a través do álbum familiar: imaxes pertencentes ao ámbito privado que se tornan públicas mesturadas co meu propio ollar, un conxunto de novos significados que poñen en crise as representacións do pasado”.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal