xoves 21 de decembro de 2017

Cunha exposición que reúne a modo de árbore filmes e libros sobre diferentes artistas

A biblioteca de Belas Artes enlaza cine e pintura polo Nadal

A iniciativa completarase en febreiro co sorteo de agasallos entre as persoas participantes

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Rembrandt, Turner, Renoir, Warhol, Pollock, Munch, Picasso, Klimt, Barceló ou Basquiat non só comparten o feito de formar parte da historia da arte, senón tamén que as súas vidas foron tamén levadas ao cine. Co propósito de achegar aos seus usuarios e usuarias algúns dos máis de 32 filmes de ficción protagonizados por pintores cos que conta nos seus fondos, a biblioteca da Facultade de Belas Artes organizou para estas datas de Nadal unha exposición bibliográfica na que as películas se ven complementadas por libros sobre estes autores nuns paquetes que, coma se dunha árbore de Nadal se tratase, colgan de lazos na entrada destas instalacións.

“Trátase dunha maridaxe de cine e pintura, na que collemos todas as películas que temos sobre pintores, algunhas moi salientables, e xuntámolas con libros moi sinxelos sobre estes artistas, máis que nada para que se inicien na súa obra e poidan coñecelo un pouco”, salienta o técnico desta biblioteca Antonio Rodríguez, encargado xunto con Berta Gosende de articular unha exposición que permanecerá neste espazo ata o 31 de xaneiro.

O propósito desta iniciativa, sinalan, é dar continuidade a outras exposicións previas dos seus fondos bibliográficos “para dar a coñecer aos estudantes que aquí ao mellor hai moitas cousas que ao mellor non coñecían”, como pode ser o caso de filmes dedicados a preto de 30 pintores, xa que na selección realizada só Goya, Modigliani e Van Gogh protagonizan máis dunha longametraxe. A idea, engaden, é que as persoas que queiran consultar estes fondos “corten o lazo cunhas tesoiras e leven o paquete co libro e a película”, pedíndolles a cambio que deixen na biblioteca “unha felicitación ou un bo desexo” para estas datas de Nadal, a través dun debuxo ou con palabras, “que colgaremos substituíndo o libro”. Entre todos aqueles e aquelas que consulten esta selección nestas semanas, o persoal da biblioteca realizará o 1 de febreiro un sorteo de agasallos.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal