martes 19 de decembro de 2017

Tradición e vangarda; música e narración xuntaron preto de 50 artistas sobre o escenario

Os ondas sonoras do Pergamiño Vindel inspiran o Nadal universitario

O concerto, dirixido por Cristina Pato, contou coa participación, entre outros, de Anxo Pintos e Wöyza

M. Del Río | Vigo

Se o Pergamiño Vindel é o absoluto protagonista deste curso universitario, non o podía ser menos no Nadal. Da man de Cristina Pato, encargada de recuperar a súa historia e convertela nunha viaxe sonora, as cantigas de Martin Codax foron o eixo central arredor do cal xirou o Concerto de Nadal da Universidade de Vigo, que este martes encheu todas as butacas do Teatro Afundación. Para esta proposta, que mesturou música, narración, historia e vangarda, a gaiteira galega rodeouse de oito artistas e bandas, como o músico Anxo Pintos, o grupo Martin Codax, a violinista Begoña Riobó, a cantante de hip-hop Wöyza, o Coro da Mariña dirixido por Ugía Pedreira e Pierrot Rougier, Yago Vázquez ao piano, Roberto Comesaña no acordeón e Miguel Cabana, na percusión. Todos eles fixeron unha posta en común nun espectáculo que apostou por adaptar a actualizar as sete cantigas de Martin Codax que recolle o pergamiño. Pero para esta ocasión, o concertou tornou tamén en narración, para o que subiron ao escenario a catedrática emérita Camiño Noia e o profesor Xosé Bieito Arias, ambos do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, que afondaron na presenza feminina nas cantigas, no papel dos trobadores e tamén das trobadoras no medievo, no protagonismo do mar nas cantigas, no contexto histórico dun escritos galegos máis senlleiros e, en resumo, fixeron unha panorámica da lírica medieval galega.

Unha viaxe musical de 800 anos

A través das actuacións, da música, das voces e da narrativa, o público puido viaxar no tempo e no espazo, unha viaxe de 800 anos que arranca no momento no que Martin Codax escribe as cantigas e se retoma en 1914, cando o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopou o pergamiño na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. Posteriormente vendeu o documento ao diplomático e musicólogo Rafael Mitjana para o seu estudo na biblioteca de Upsala, cidade sueca na que residía. Tras a súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e logo posto á venda en Londres onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, propietaria do pergamiño dende 1977. Neste 2017 as cantigas de Martin Codax regresaron á beira da ría que as viu nacer, ao carón do mar no que foron compostas e os seus versos e notas musicais convertéronse tamén en protagonistas do Concerto de Nadal.

Así, a mestura entre concerto e relatorio foi permitindo pasar as follas da historia, coñecendo os contextos e as contornas de cada unha das etapas e lugares polos que pasou o pergamiño, a través das propostas de recoñecidos artistas galegos de diferentes disciplinas musicais (dende a música antiga, até o jazz pasando pola música tradicional). Así, as sete cantigas que se recollen no Pergamiño Vindel (Ondas do mar do Vigo; Mandad’ei comigo ca ven meu amigo; Mia yrrmana fremosa treides comigo; Ay Deus se sab’ora meu amado; Quantas sabedes amar amigo e Ay ondas que eu vin ver e En o sagrad’e Vigo) tornáronse ondas sonoras á beira do mar de Vigo. Unha a unha, e da man dos diferentes convidados, as e os asistentes puideron comprobar como soan as sete pezas, incluíndo a única delas que non conserva notación musical, e foi adaptada e interpretada polo Coro da Mariña.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal