luns 18 de decembro de 2017

A Vicerreitoría promove este venres un concerto de Capela Compostelana no Teatro Principal

Unha viaxe á Francia do século XVIII a través da música

O coro do campus interpreta o xoves no Museo de Pontevedra unha serie de pezas de diferentes estilos

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Dúas propostas impulsadas no campus encherán de música nesta semana diferentes espazos da cidade. Por unha banda, o Teatro Principal acolle este venres À propos de Les Nations ou Les Charmantes Invasions, un concerto promovido pola Vicerreitoría no que o grupo de música antiga Capela Compostelana proporá unha viaxe pola Francia do século XVIII e polas influencias que naquel entón chegaban a aquel país desde Italia. Na xornada previa, o xoves 21, o coro do campus achegarase ao Sexto Edificio do Museo de Pontevedra para interpretar, na que é a súa primeira actuación en solitario, un repertorio integrado tanto por cancións de Nadal como por pezas de diferentes estilos.

As invasións galantes

Programado para as 21.00 horas, o concerto que Capela Compostelana ofrecerá no Teatro Principal permitirá ao público achegarse a “unha época moi especial na historia da música”, como salienta o seu director, o luthier, músico e profesor Francisco Luengo. “É unha época que ten que ver co que se chamou a guerra dos bufóns, unha especie de polémica que houbo a principios do século XVIII, principalmente en Francia, sobre as bondades das músicas do barroco francés, xa que os franceses empezaban a sentir que os italianos estaban a comerlles terreo e este era un asunto practicamente nacional”, relata Luengo do contexto histórico no que xorden as composicións que neste recital interpretará unha formación integrada por Carmen Ferreiro, ao traverso barroco; Xurxo Varela, á viola de gamba; Júlio Dias Galvão, ao cravo e o propio Luengo á viola de gamba e o pardessus de viole.

“Digamos que foi unha guerra que os italianos acabaron gañando”, explica Luengo desa época na que Francia sufriu unhas “invasións galantes", como recolle o título desta actuación e no que a influencia crecente dos compositores italianos na música gala levou á creación de novos instrumentos, que estarán tamén representados nun recital no que Capela Compostelana recuperará diferentes instrumentos daquel período. “Foi un momento de hibridación”, salienta Luengo do período que abordará un recital que contará con entrada libre ata completar aforo, previa reserva das entradas na Casa das Campás, como explica o director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, quen indica que esta poderá realizarse a través do teléfono e no correo electrónico, así como que, “de sobrar algunha, repartiríanse directamente na billeteira o propio día do concerto”.

Fundado en 1988 e cunha traxectoria que abrangue tanto a gravación de diferentes discos como a súa presenza nos principais ciclos de música antiga de Europa ou Estados Unidos, Capela Compostelana abrirá este recital abordando a obra de Joseph Bodin de Boismortier, “un dos principais músicos de comezos do século XVIII, que apostaba claramente polo italiano”, como tamén o facía Jean-Marie Lechar, “un gran violinista” que, como explica Luengo, “fixo moito polo desenvolvemento dun instrumento que por aquel entón non era moi popular en Francia” e cuxas composicións tamén forman parte deste recital. Complétase o programa coa interpretacións dunha serie de pezas extraídas de Les Nations de Francois Couperin, “quen foi un dos pioneiros en intentar axeitar as sonatas italianas ao mundo francés”.

Do Renacemento ás panxoliñas

Impulsado pola Área de Extensión Cultural a comezos de 2014, o Coro do Campus de Pontevedra ten participado nos últimos cursos en diferentes eventos da institución, como recentemente a Gala do Deporte da Universidade de Vigo, celebrada no Teatro Principal. Mais fora do mundo académico, a formación que dirixe desde os seus inicios o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Marco Lucato, só ofrecerá ata a data un único concerto, o pasado mes de abril xunto á coral do IES A Xunqueira I. De aí que Lucato presente a actuación que ofrecerán este xoves ás 20.00 horas, no vestíbulo do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra como “o noso primeiro concerto en solitario”.

Para a ocasión, a formación que integran preto de 20 voces, fundamentalmente femininas, ás que agardan a partires de xaneiro poder sumar novos membros nesta iniciativa aberta tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía, interpretará un programa composto por 13 cancións e definido pola variedade.

De feito, o concerto abrirase co canción renacentista Il Ballerino, para logo pasar ao barroco con Viva tutte le Vezzose e, acto seguido, interpretar o Hallelujah de Leonard Cohen. Mais neste percorrido pola música vocal haberá tamén espazos para cantos bíblicos, cancións de Elvis Presley ou Eric Clapton, gospel, cantos de arrolo ou pezas de películas como Os Chicos do Coro. Tamén, como non podería ser doutro xeito nestas datas, para abordar diferentes cánticos de Nadal, que centrarán a parte final da actuación.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal