xoves 14 de decembro de 2017

CCSS e da Comunicación acolle un coloquio sobre o seu uso para a posta en valor da cultura ou o patrimonio

O cine, unha ferramenta de promoción sustentada en “vínculos emocionais”

A directora de ‘A Estación Violenta’ e o director e produtores de ‘Trote’, participaron nesta iniciativa da Deputación

Eduardo Muñiz | Pontevedra

“O cinema é unha ferramenta de promoción moi valiosa, non só porque pon en valor as características dun territorio, a súa cultura e tradicións, senón porque a afinidade cuns personaxes e cunha historia que se produce nun determinado lugar provoca un vínculo emocional que ten un valor publicitario moito maior que os medios convencionais”. Deste xeito salientaba Sergio Frade, responsable de Frida Films e profesor asociado de CCSS e da Comunicación, o potencial da sétima arte como ferramenta de posta en valor da cultura, tradicións, etnografía e talento dun territorio, nun encontro co alumnado desta facultade promovido pola Deputación de Pontevedra. Nesta xornada, os estudantes puideron contemplar escenas da primeira longametraxe da egresada Anxos Fazáns, A Estación Violenta, e do filme, aínda por estrear, Trote, de Xacio Baño, así como compartir impresións con estes dous realizadores e cos produtores desta última longametraxe, Frade e Luisa Romeo.

A promoción de talentos novos e forxados no campus

O coloquio que serviu para achegar ao alumnado a dous filmes que contan co patrocinio do departamento de Cultura e Lingua da institución provincial supuxo tamén o retorno ao centro que se formou de Anxos Fazáns, graduada en Comunicación Audiovisual e directora de A Estación Violenta, filme que hai poucas semanas celebraba a súa preestrea no Festival Cineuropa de Santiago de Compostela e no Festival de Cine Europeo de Sevilla. A primeira longametraxe de Fazáns servía neste acto para dar conta de como o cine permite dar a coñecer a cultura e o talento co que conta un territorio. Baseada na novela do escritor pontevedrés Manuel Jabois e impulsada pola produtora pontevedresa Matriuska, nesta longametraxe “está moi presenta a literatura, pero tamén a música feita en Galicia”, explica Fazáns. Ademais, trátase dun filme que permite tamén pór de relevo o talento de egresados e egresadas como a propia directora, a xefa de produción, Silvia Fuentes, ou a axudante de dirección, Alicia Díaz. “Non foi así intencionadamente, pero se botas a vista atrás dáste conta de que é unha película que serve de lanzamento a moito novo talento galego, xa que para moitos é a nosa primeira película”, recoñece Fazáns.

Nese senso, nun encontro “que é como volver á casa”, Fazáns recoñeceu que a rodaxe dunha longametraxe é “unha oportunidade que supuxo tamén unha implicación moi grande”, ao longo de tres anos de traballo, pero tamén “unha experiencia moi enriquecedora, da que aprendín moito” e no que o resultado final foi “a película que queríamos facer”, e que foi rodada tanto en Pontevedra e en Santiago como en Sanxenxo, O Grove e na illa de San Simón. Por iso, tratou de motivar aos estudantes a emprender proxectos nos que amosar o seu talento, xa que “aínda que é un sector moi complicado, no que custa atopar oportunidades, con moito traballo e moito esforzo, pódense conseguir cousas”.

A promoción dun territorio

A pasada semana, os veciños e veciñas de Amil, en Moraña, tiveron a oportunidade de ver por primeira vez as escenas de Trote, a primeira longametraxe de Xacio Baño, rodadas precisamente o pasado verán na Rapa das Bestas desta parroquia. Escenas, "moi potentes a nivel visual e moi soprendentes", como salientou Frade, que nesta xornada puideron contemplar tamén os estudantes de CCSS e da Comunicacion, neste primeiro achegamento a unha historia familiar que transcorre precisamente, nas datas próximas á rapa, pola que Baño foi seleccionado na Residencia Ikusmira Berriak do Festival Internacional de San Sebastián, de cuxo programa formará parte en setembro.

“O cine é un vehículo para amosar quen somos e tamén unha ferramenta que viaxa de maneira moi doada polo mundo” e que polo tanto, constitúe unha "ferramenta coa que transmitir, coa que ensinarlle ao mundo como nos relacionamos coa natureza e cos demais", salientou Baño, quen recoñece que como cineasta busca un tipo de películas que, máis aló “das peripecias duns personaxes”, busquen “preto da casa o que nos fai diferentes e especiais”. Como foi, no caso de Trote, a rapa das bestas, “da que non era asiduo, nin moito menos, pero que si me parecía algo que había que contar, co que había que experimentar, porque era algo moi de movemento, moi de sensacións, moi próximo ao cinema”.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal