xoves 9 de novembro de 2017

Filoloxía e Tradución acolleu a proxección dun filme realizado polos descendentes do seu descubridor

O Pergamiño Vindel chega a Vigo tamén en forma de película

A profesora da USC Mariña Arbor encargouse de contextualizar a importancia do documento

D. Besadío | Vigo

A historia do Pergamiño Vindel chegou este xoves a Vigo en forma de película coa proxección na Facultade de Filoloxía e Tradución de El manuscrito Vindel, un filme no que se narra a historia do descubridor desta xoia literaria e musical, “un documento único no que se fala dun Vigo do século XIII no que se escribía e cantaba en galego”, tal e como lembrou Camiño Noia, catedrática emérita da Universidade de Vigo, intres antes do inicio da proxección.

Noia foi a encargada de introducir a Mariña Arbor, docente da Universidade de Santiago de Compostela experta en literatura medieval e románicas, que foi a persoa elixida para introducir aos e ás asistentes na apaixonante historia de Pedro Vindel e a particular viaxe deste documento desde que foi descuberto en 1914, “probablemente algo antes”, recalcou a experta, ata chegar á Morgan Library de Nova Iork e, ata o vindeiro mes de marzo, ao Museo do Mar de Vigo.

O DVD do filme, á venda no Museo do Mar

A longametraxe, de 90 minutos de duración, estreouse en salas comerciais de Toledo e Cuenca en xuño de 2016, coincidindo case coa celebración do centenario da aparición do manuscrito, “e agora está ao dispor de todas as persoas que queiran adquirila no propio Museo do Mar”, explicou Arbor. Guionizada, producida e dirixida por José Manuel Fernández-Jardón Vindel, bisneto de Pedro Vindel, e Luis Fernández-Jardón, tataraneto de Pedro Vindel, El manuscrito Vindel “é unha película documental bastante fiel á realidade que narra a vida deste libreiro”, subliñou a experta, que fixo tamén mención a que a película recolle en boa parte a historia persoal de Pedro Vindel e a historia da descuberta do manuscrito que xa estaban escritas nun libro do que fora un dos seus fillos, Francisco Vindel, Historia de una librería (Madrid, 1945). “Hoxe o seu neto Ismael, que sae tamén no filme, continúa coa tradición bibliógrafa da familia”, recalcou Arbor, quen tivo a oportunidade de visitar persoalmente a biblioteca familiar dos Vindel “onde conservan moito do material que tiña o seu bisavó”.

Apaixonado pola cultura e polos libros

Filme apaixonado pola cultura e polos libros, a película, que se sitúa entre finais do século XIX e principios do XX, comeza coa fuxida, con tan só 10 anos de Pedro Vindel do seu pobo, Olmeda de la Cuesta, en Cuenca, fuxindo do maltrato do seu padrasto, pasando pola súa estancia cun grupo ambulante de xitanos que ofrecían espectáculos de vila en vila ata chegar a Madrid, onde, mentres buscaba sustento, aprendía a ler pola súa propia conta ata chegar a converterse no libreiro máis importante da súa época.

Que é o pergamiño Vindel? Que representa? Que o diferencia do resto de pergamiños da súa época? Cales son as datas e a historia dos fitos fundamentais da historia deste manuscrito? Estas son algunhas das preguntas as que respondeu Arbor na súa introdución ao filme, un intre que quixo tamén aproveitar para agradecer toda a colaboración que está a recibir por parte dos descendentes de Pedro Vindel, “que me abriron as portas da súa casa para acceder a inmensa cantidade de documentación que atesouran daquela época, entre outras, a colección de prensa de Paco Vindel coa que vou empezar a traballar”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal