mércores 8 de novembro de 2017

A Casa das Campás acolle nestas semanas un curso impartido por Francisco Porto, da produtora Latamuda

Un obradoiro pon de relevo as múltiples dimensións do comisariado artístico

O taller promovido pola Vicerreitoría dará pé á súa vez a un proxecto expositivo definido polo alumnado

Eduardo Muñiz | Pontevedra

“O comisariado é moito máis que a coordinación dunha exposición, o comisario é quen idea xunto co artista toda a parte intelectual dese traballo, o que selecciona as pezas coa ou co artista, o que lle dá outro pulo para que avance no seu discurso”. Con estas verbas trata de pór de relevo Francisco Porto, director da produtora de arte contemporánea Latamuda, a importancia da figura que nestas semanas centra un dos obradoiros inseridos na oferta formativa promovida pola Vicerreitoría do campus para este primeiro cuadrimestre. Na súa terceira edición, o taller Comisariado e estratexias para artistas reúne na Casa das Campás a estudantes de diferentes titulacións, aos que Porto, responsable de impartir este seminario xunto a artista e investigadora Rocío Osorio, busca achegar ás múltiples facetas de traballo desta figura.

De 30 horas de duración, o curso que se desenvolve na sede da Vicerreitoría nos meses de outubro e novembro reúne, como salienta Porto, “a alumnos de diferentes idades e formacións”. Aberto, ao igual que o resto do programa de obradoiros, a toda a cidadanía, o taller reúne a estudantes de Belas Artes, Publicidade e RRPP e Comunicación Audiovisual, “pero tamén a artistas ou xente que vén de ámbitos como a fotografía”. Un total de dez alumnos e alumnas aos que os responsables deste obradoiro buscan achegar, desde unha óptica profesional, unha serie de “ferramentas básicas coas que un comisario pode chegar a traballar no seu propio territorio”.

Unha figura pouco coñecida

“En Galicia temos tres ou catro comisarios de ámbito internacional que no noso territorio descoñécense totalmente”, salienta Porto dunha “figura profesional” pouco coñecida ao seu xuízo e cuxas funcións detalla ao longo das diferentes sesións. Nese senso, saber cal é a “importancia do seu discurso” nun proxecto expositivo, a implicación cos e coas artistas, os códigos de boas prácticas, o propio deseño dunha exposición e a súa comunicación e difusión son algúns dos aspectos a abordar nun taller no que tamén se incide “nese traballo de investigación que supón a viaxe que unha persoa debe iniciar no momento que entra nunha exposición, que non é simplemente poñer uns cadros, senón que supón un diálogo entre as obras”.

De carácter fundamentalmente práctico, este taller propón así mesmo que todos estes conceptos sexan levados á práctica polas alumnas e alumnos a través da definición dun primeiro traballo de comisariado. “Con todas as actividades que se propoñen ao longo do curso, eles están formando un proxecto que van enviando cada semana”, explica Porto dunha iniciativa que, unha vez rematada a formación, continúa coa posta en práctica dalgunha deses proxectos. Nese senso, o responsable de impartir este taller incide en que, ao igual que na anterior edición, o seu remate verase sucedido da inauguración dunha exposición en Pontevedra, nun espazo aínda por definir, á que se poden sumar outras iniciativas que “co apoio de Latamuda, podemos apoiar e intentar levar ao nivel máis profesional que poidamos”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal