mércores 8 de novembro de 2017

As instalacións universitarias acollen xa varias das mostras da programación desta edición

As redes do Outono Fotográfico espállanse polo campus

En total son sete as exposicións que se celebrarán ata principios de 2018

Rosa Tedín | Ourense

A 35 edición do Outono Fotográfico está en marcha e son moitas as exposicións que ao seu abeiro se están a realizar en diferentes puntos da xeografía galega e lusa. Formando parte desta iniciativa, o campus de Ourense acolle xa varias das sete mostras que organiza no marco desta edición e ata principios de 2018. A través das imaxes expostas, na Biblioteca Rosalía de Castro e na entrada do Edificio de Ferro, as persoas interesadas poden achegarse ao talento fotográfico dos membros da comunidade universitaria, á compoñente cultural da pose no retrato familiar ou ao traballo das redeiras, entre outros aspectos.

A programación do certame que acolle este ano o campus foi presentada este mércores nun acto no que Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, estivo acompañado polo director do Outono Fotográfico, Xosé Lois Vázquez, e por varias das curadoras ou artistas que participan nas exposicións universitarias. O vicerreitor quixo destacar na súa intervención “o magnífico traballo” feito no marco dun certame que sobresae pola súa complexidade, xa que o Outono Fotográfico agrupa a 85 exposicións, 280 autores e autoras, 66 espazos expositivos, 22 cidades de Galicia e Portugal e 85 entidades colaboradoras, tal e como indicou Xosé Lois Vázquez.

Xa en marcha

As ventás da entrada do Edificio de Ferro acollen, do 6 de novembro ao 31 de marzo de 2018, a mostra Mar de redes, a razón de ser, da fotógrafa Ruth Villar. Nela pode verse unha selección dun ensaio visual centrado no mundo das redeiras sobre o que a creadora leva ano e medio traballando e que abrangue máis de 5000 fotografías froito da súa “estreita convivencia durante meses tanto a bordo de embarcacións do cerco con base no porto de Vigo como a pé de peirao coas redeiras que atenden estes barcos”.

Tamén se pode ver na Biblioteca Rosalía de Castro a exposición Relecturas da feminidade. Rastro material, curada por Silvia García, profesora e decana da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. Do 6 ao 15 de novembro, os usuarios e usuarias deste centro atoparanse entre esquinas de paredes, estantes e mesas, fotos de mulleres e nenas de albumes familiares antigos procedentes dunha colección privada que a docente vén atesourando en pequenos mercados. A mostra, explica Silvia García, está deseñada para que os usuarios e usuarias da biblioteca “lean as imaxes como len un libro” e poidan rastrexar as distintas poses ao longo da historia da fotografía doméstica e ao longo de diferentes culturas. A exposición, que busca suscitar a reflexión sobre como a iconografía herdada inflúe nas imaxes que xeramos, conta ademais cunha enquisa destinada a que os espectadores e espectadoras comenten a súa interpretación das fotografías expostas.

A Biblioteca Rosalía de Castro tamén amosa do 7 ao 23 de novembro as obras seleccionadas no XV Certame de Fotografía da Universidade de Vigo, podendo os usuarios e usuarias deste centro ver, entre outras, as pezas gañadoras. Na categoría de fotografía única o primeiro premio foi para Ignacio Francisco Pastor Herranz, pola foto El jefazo, e o segundo para Noe Blanco Carracedo, por Perspectiva en tensión. Na categoría de serie fotográfica o primeiro premio foi para David Peetermans por It’s all for sale e o segundo para Macarena Montesinos Fandiño, por Ai ghei ghei, o que poderías ter feito. Ao pé desta mostra do talento fotográfico da comunidade universitaria está a exposición Mírame, tócame, un recuncho dedicado ao outono e á fotografía feito polo persoal da propia Biblioteca Rosalía de Castro. Nel, do 7 de novembro ao 22 de decembro, pódense ver libros, cámaras, catálogos e obxectos que aluden ao outono e á fotografía.

Próximas citas

Ademais das mostras xa visibles, quedan pendentes por abrirse ao público varias exposicións. Sen moldes, comentarios fotográficos sobre os xéneros, curada por Mar Caldas, é unha delas. Esta mostra, que estará do 28 de novembro ao 11 de xaneiro de 2018 na Biblioteca Rosalía de Castro, reúne 18 fotografías realizadas por alumnado de primeiro curso do Grao en Belas Artes. Na materia Técnicas Fotográficas propúxoselles que elaborasen imaxes que reflexionasen sobre a orde sexual imposta, contrapoñendo visións críticas, discrepantes, anovadoras, creativas, diverxentes ou mesmo paradoxais. Destacando o compromiso do alumnado participante nesta iniciativa, a súa curadora salienta como nela queda patente “que non cremos nos roles impostos” e que os comportamentos que se saen “da norma” están moito máis presentes na vida cotiá de calquera persoa do que se poida pensar a priori.

Pola súa banda, a Sala Alterarte acollerá durante os meses de decembro, xaneiro e febreiro Despois de Marte, unha exposición do artista Fernando Casás curada por Antón Castro. Nela poderase ver a obra inédita deste autor Fantasmas revelados, resultado dunha acción que o artista fixo en 1989, cando enterrou un negativo que desenterrou en 2010, e unha selección da Serie batatas, de 1970. Por último, o estanque universitario será o escenario do 15 de novembro ao 15 de decembro dunha exposición de doce fotografías feitas por Sabela Andrés. Titulada Primeira línea, a obra propón unha reflexión sobre a "marbellización" do litoral galego: o auxe urbanístico, a masificación turística e o impacto ambiental.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal