xoves 9 de novembro de 2017

A morte e a caricaturización do poder foi o eixo argumental desta obra de teatro

‘O rei morre’ na Universidade a mans de Sarabela

No escenario combináronse a danza, a interpretación e as artes plásticas

Duvi | Vigo

Un rei que se aferra ao poder; un rei que basea o seu trono na disciplina da soberbia e unha noticia, que non é quen de aceptar. Con estas premisas, a compañía Sarabela Teatro representou unha nova versión de Le Roi se meurt, do escritor romanés Eugène Ionesco, no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria este mércores. Esta peza dramática forma parte da oferta cultural do primeiro cuadrimestre de Extensión Universitaria.

Nesta nova versión, os actores e actrices enlazaron varias expresións artísticas como son a danza, a interpretación e as artes plásticas coas que envolveron o escenario nun contexto de dramatismo e comicidade, unhas características propias do teatro do absurdo. Todo elo, dirixido por Ana Vallés, unha das directoras máis recoñecidas no panorama teatral galego. Deste xeito, Sarabela Teatro e Vallés expuxeron o tema sempre humano da morte nos seus contextos máis amplos. Este argumento ten como obxectivo a realización dunha caricatura do poder e de como os humanos se comportan logo de alcanzalo.

Continúa a andaina do programa cultural

A programación cultural do primeiro cuadrimestre da Universidade segue a súa viaxe, e a seguinte parada será o día 16 de novembro, da man do grupo de música vangardista da banda galega ISGA Collective, que actuará no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria ás 18.30h. A seguinte cita co teatro será na mesma localización e no mesmo horario o día 30 de novembro coa compañía Píscore, que representará a obra Concerto Singular.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal