venres 10 de novembro de 2017

A Universidade e a Fundación Laxeiro organizan un curso sobre sexualidade e creación artística

Unha visión feminista da arte

A actividade pretende rachar cos modelos patriarcais da produción cultural

M. Gradín | Vigo

“A arte pode amosar condutas e aspectos sexuais e, polo tanto, revelar os presupostos ideolóxicos e culturais en que se basean”. Esta é a base sobre a que se asenta o curso A arte do sexo: sexualidade, creación e xénero segundo o seu coordinador e profesor de Belas Artes Ignacio Pérez-Jofre. A actividade, organizada pola Unidade de Igualdade, terá lugar na Fundación Laxeiro entre os días 13 e 15 deste mes, e está dirixida tanto a creadores e creadoras como a estudantes e profesorado dos eidos artísticos, especialmente aos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, así como público en xeral interesado na arte ou na igualdade de xénero.

Este novo curso pretende que os e as participantes reflexionen sobre a sexualidade e a influencia que esta exerce na produción artística. Para Pérez-Jofre, na actualidade seguen presentes estruturas de xénero “tradicionais e patriarcais” que permanecen “nalgunhas manifestacións artísticas contemporáneas”. Neste senso, o docente considera que as persoas asistentes poden “adoptar unha posición crítica e tomar conciencia desta permanencia, contribuíndo á súa transformación”. Deste xeito, as tres sesións do curso ofrecen unha visión feminista da arte que permite aos e ás participantes observar os patróns de xénero das creacións alleas e propias, podendo modificalas e proporcionar modelos sexuais que difiran dos patriarcais e que, á súa vez, lles permitan reflexionar sobre a sexualidade propia.

Dous coloquios e unha sesión na rúa

O obradoiro está dividido en tres xornadas, as dúas primeiras terán lugar na Fundación Laxeiro. Así, o día 13, as persoas asistentes debaterán sobre o concepto da sexualidade e a súa natureza, mentres que ao día seguinte discutirán sobre a relación entre o sexo, a cultura e o difícil camiño do pracer, reflexionando sobre o canon de sexualidade patriarcal e a súa presenza na produción e creación cultural. O curso pecharase o 15 de novembro, cunha terceira sesión que terá lugar na rúa, a través dun taller no que “realizaremos observacións das situacións atopadas, analizando a maneira en que se amosan determinadas formas de entender o sexual en relación co xénero, como por exemplo no xeito de vestir da xente, nos seus xestos, actitudes e palabras, na publicidade ou nos medios de comunicación”, sinala Pérez-Jofre. A persoa encargada de impartir o curso será María Dolores Ruíz que, segundo o coordinador da actividade, ten unha “ampla experiencia en docencia e planificación neste campo”. Así mesmo, Pérez-Jofre destaca que esta profesora xa impartira na Fundación Laxeiro un taller sobre xénero, propoñendo para este novo curso unha actividade que vinculase a creación artística coa igualdade de sexos. A profesora Ruíz, cun mestrado en Xénero, Educación, Políticas de Igualdade e Liderado pola Universidade de Vigo, é especialista en auditorías de igualdade de mulleres e homes.

Os interesados ou interesadas poderán inscribirse de maneira gratuíta ata o 13 de novembro, o mesmo día no que se celebra a primeira xornada. O horario das tres actividades que integran o curso será de 18.15 a 20.45 h os tres días.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal