martes 7 de novembro de 2017

Dende hoxe ata o día 17 desenvolveranse conferencias e concursos de fotografía e debuxo

Bioloxía dá a benvida a San Alberte cunha exposición de cogomelos

O centro organiza unha semana de actividades para celebrar o seu patrón

Duvi | Vigo

A Facultade de Bioloxía inaugurou este luns, coa apertura dunha exposición de cogomelos, a semana de actividades que conmemoran o seu patrón, San Alberte. Así, dende este luns e ata o día 16 a ciencia e a natureza será os protagonistas dunha serie de conferencias e concursos de fotografía e debuxo biolóxico.

A mostra micolóxica, coordinada pola profesora de Bioloxía Marisa Castro, poderase visitar na entrada do edificio de Ciencias Experimentais ata o venres desta semana. Esta edición foi especialmente complexa de levar a cabo polas condicións do monte, que segundo a docente se traducen nun ano de colleitas moi limitadas. “Por mor dos incendios e pola escaseza de auga, chegamos a tan so medio cento de exemplares na mostra deste ano”, apunta Castro, que recoñece que grazas á implicación dos voluntarios, a exposición puido contar cun número suficiente de exemplares de diferentes familias, tanto comestibles como velenosas, procedentes do nordés portugués, Ourense, A Coruña e Pontevedra. A través de pequenas tarxetas identificativas, os visitantes poden coñecer o nome común e o científico de cada un dos exemplares, así como se son comestibles, se carecen de valor culinario, se son tóxicas ou se se poden comer pero con precaución. Entre as diferentes familias atópanse algunhas moi comúns nos montes galegos como o boletus ou o peido de lobo e outras como o reventabios, o champiñón de campo, a coliflor de monte, a bomba de tinguir ou a meiga vermella. 

Neste contexto, a profesora insiste en que “dende esta exposición queremos amosar a preocupación pola actual situación do monte galego e portugués debido á vaga de incendios que o asolou e tamén polo quecemento global, dous factores que, sen dúbida, afectan á colleita”. De feito, esta V Exposición de Cogomelos comprende unha sección específica centrada nas causas e no impacto dos lumes na contorna natural, que se complementa cunha pequena escolma de restos vexetais calcinados nos incendios das pasadas semanas. A través de paneis informativos propóñense claves para entender as causas que fan que o lume arrase coa paisaxe galega, como a xestión do monte con especies alóctonas ou o pouco espazo existente entre estes terreos e as zonas habitadas. A mostra de cogomelos compleméntase tamén unha selección de viñetas de O Bichero, de Luis Davila, que gardan relación, dun xeito ou outro, coa xestión, recolección, usos ou receitas con cogomelos e con paneis explicativos sobre o ciclo reproductivo destas especies e sobre as boas prácticas para apañalos segundo a lexislación vixente.

Unha semana de concursos e conferencias

Tras a apertura este luns da exposición de cogomelos, o xoves inaugurarase a exposición dos traballos que concorren ao IV Concurso de Debuxo Biolóxico, que coordina a delegación de alumnado de Bioloxía ‘Lynn Margulis’, e que se poderá visitar ata o día 11.

As actividades retomaranse a próxima semana coa conferencia, o día 13, da profesora Marisa Castro sobre a importancia e o aproveitamento sustentable dos cogomelos. O día 16, o catedrático de Medicina Legal da USC Ángel Carracedo será o encargado de impartir un relatorio titulado CSI made in Galicia. Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado, será presentado polo catedrático de Xenética da Universidade de Vigo David Posada. Tras o relatorio do docente santiagués, entregaranse os premios doutra das actividades clásicas do San Alberte, o Concurso de Fotografía Biolóxica que acada xa a súa decimo cuarta edición. A este certame, aberto a imaxes relacionadas con calquera eido da Bioloxía, poderanse presentar todos os membros da comunidade universitaria, antes do 10 de novembro. As obras presentadas exporanse no edificio de Ciencias Experimentais a partir do día 15.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal