martes 7 de novembro de 2017

A Biblioteca Rosalía de Castro dedica un espazo a visibilizar fondos sobre esta temática

Un recuncho no que pór en palabras as violencias contra as mulleres

O obxectivo é contribuír a unha maior concienciación dos usuarios e usuarias do centro

Duvi | Ourense

Periodicamente a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense dedica o espazo da súa entrada chamado Recuncho Temático a visibilizar fondos arredor dunha cuestión en concreto. Nesta ocasión, a temática elixida polas técnicas do centro é Violencias contra as mulleres e nel trátase de ofrecer máis información e conseguir unha maior concienciación dos usuarios e usuarias desta biblioteca sobre a violencia psíquica e física exercida contra as mulleres. Moi especialmente, no espazo incídese “sobre todos aqueles micromachismos que por ser violencias máis sutís pasan desapercibidas na vida cotiá e que supoñen unha perpetuación das situacións de desigualdade entre os xéneros”.

O recuncho, que estará dedicado a esta temática ata decembro, permite aos usuarios e usuarias do centro acceder de xeito directo, para ver na biblioteca ou levar emprestados ao seus domicilios, a bibliografía e audiovisuais relacionada coa cuestión abordada. A idea de dedicalo nesta ocasión ás violencias contra as mulleres, apuntan as técnicas da Biblioteca Rosalía de Castro, xurdiu a proposta da profesora Purificación Mayobre e tendo en conta as cifras oficiais de vítimas da violencia de xénero en España. Para a realización deste espazo, engaden, contouse coa colaboración do Gabinete Psicopedagóxico do campus e da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, que achegaron materiais textuais (trípticos e mapas conceptuais) que se expoñen xunto co material propio da biblioteca e que serven de apoio ao obxectivo desta iniciativa.

No espazo, os usuarios e usuarias do centro poden atopar libros, cómics e películas sobre a invisibilización das mulleres en ámbitos científicos, culturais, con títulos como As mentiras científicas sobre as mulleres; sobre a violencia sexual como arma de guerra nos conflitos bélicos, con obras como A guerra non ten nome de muller, e sobre violencia exercida sobre menores, asasinados polos maltratadores ou vítimas por perder ás nais, avoas, tías…, con títulos como Detrás da parede. Tamén se aborda, entre outras moitas cuestións, o feminicidio, con obras como Cando as mulleres teñan desaparecido; a educación sexista, con libros como Mi mamá me mima, ou manuais xurídicos e pedagóxicos, como A violencia de xénero na adolescencia.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal