xoves 2 de novembro de 2017

A persoa que gañe o certame recibirá unha cámara réflex dixital

Enxeñaría de Minas e Enerxía lanza o concurso fotográfico ‘Enfoca.rme’

O único requisito é que as imaxes se centren en Recursos Mineiros e Enerxéticos

Duvi | Vigo

Persoal da Universidade, alumnado ou público en xeral. Calquera pode participar en Enfoca.rme, un novo concurso fotográfico posto en marcha pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía ao abeiro da celebración o vindeiro mes de decembro da súa patroa, Santa Bárbara. “É unha actividade máis para dar a coñecer as posibilidades e as saídas profesionais da nosa oferta académica”, explica a directora do centro, a profesora Natalia Caparrini, que fai fincapé en que esta iniciativa colle a remuda do Certame de Fotografía Mineira, que viña funcionando no centro dende o 2008 organizado pola asociación de alumnado Mundo Mineiro, co apoio da Sociedade Mineralóxica Galega.

O único requisito é que a temática de cada imaxe estea relacionada cos Recursos Mineiros e Enerxéticos. As persoas interesadas poden enviar as súas propostas, un máximo de tres imaxes por participante en cor ou branco e negro, ata o 15 de novembro. Xa o día 27, anunciaranse os nomes dos gañadores ou gañadoras, que obterán unha cámara réflex dixital valorada en 400 euros o primeiro clasificado; unha cámara dixital compacta de 150€ ou unha videocámara outdoor do mesmo prezo, o segundo; e unha mochila de 50€ onde poderá almacenar o seu equipo fotográfico, o terceiro.

Entrega de premios e exposición en decembro

A entrega de premios terá lugar na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía o 1 de decembro, coincidindo coa celebración da patroa, e dende ese momento todas as instantáneas do concurso exporanse temporalmente no vestíbulo da escola. Ademais, “compendiaranse nun libro titulado Mundo Mineiro”, como indica Caparrini, quen destaca que esta obra “leva publicándose dende que se comezara a celebrar o certame da asociación de alumnos”.

Os Recursos Mineiros Enerxéticos tamén foron o tema principal das catro edicións do concurso organizadas por Mundo Mineiro. Nelas, as fotografías gañadoras foron de diversa índole, tomadas en diferentes puntos de España e amosando imaxes de distinto tipo, dende instantáneas máis paisaxísticas, como as canteiras de Porriño, a mina Enma en Ciudad Real ou os bateos do río Deza, ata outras de ferramentas empregadas en minaría como unha elevadora de cables ou unha fragua acesa.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal