luns 30 de outubro de 2017

O proxecto de arte gráfica coordinado polo grupo dx5 de BBAA deu lugar xa a 14 exposicións

‘El Pliego’ despide en Madrid, Porto e Serbia un ano de viaxes polo mundo

Dúas mostras en México e Bélxica pecharán en 2019 unha iniciativa que reuniu 224 obras de once países

Duvi | Pontevedra

Un total de 224 obras, realizadas por alumnado de 17 facultades e centros formativos de once países, reúnense en El Pliego / Le Pli / A Folder, o proxecto internacional de edición gráfica que coordinan as investigadoras do grupo dx5 (digital & graphic art research) da Facultade de Belas Artes Anne Heyvaert e Ana Soler. Un proxecto que deu pé nos últimos meses a un total de 14 exposicións, promovidas polas diferentes institucións participantes, e que nestes días fai posible que os traballos realizados polo alumnado se exhiban de xeito simultáneo en Madrid, Porto e na cidade serbia de Novi Sad. Unha segunda exposición neste último país, na Facultade de Belas Artes de Belgrado, e, xa en 2018, dúas mostras na galería Traces de Bélxica, promovida polo colectivo Impression(s), e na Facultad de Artes y Diseño de Ciudad de México, adiada no seu día por mor do terremoto que sufriu o país, completarán o percorrido deste proxecto polo mundo.

“Ese é o don da ubicuidade que ten a arte gráfica, que permite que os traballos se expoñan ao mesmo tempo en tres lugares”, salienta Heyvaert dunha iniciativa na que propuxeron ao alumnado participante que interviñese, a través das múltiples técnicas de edición gráfica que permiten crear unha imaxe múltiple, nas catro caras dunha folla de papel pregada en dous. As copias xeradas de cada unha das imaxes foron posteriormente distribuídas desde o grupo dx5 entre os 17 socios deste terceiro Encontro internacional de interacción gráfica e edición, dando lugar a un calendario de exposicións que abríase o pasado mes de febreiro na Académie Royale des Beaux Arts de Liexa (Bélxica) e que en maio pasaba pola Sala X da Facultade de Belas Artes. Arxetina, Canadá, Dinamarca, Francia, México, Taiwán e Estados Unidos foron as seguintes paradas dunha mostra que, entre as súas 224 obras, reúne os proxectos de 19 investigadores e estudantes de Belas Artes. “É un proxecto que achega moita visibilidade e con moitas maneiras de velo”, salienta Heyvaert dunha iniciativa que dá lugar a 17 exposicións únicas, xa que “en cada lugar optaron por reorganizar os traballos de distintas maneiras, que ese era un pouco o obxectivo, buscar, dentro da variedade, afinidades entre os participantes como proba de que, a través do mundo, hai sensibilidades parecidas”.

Presentacións na Complutense e na Universidade do Porto

O proxecto que nestes días expón os seus resultados na Academy of Arts de Novi Sad, levou nas últimas semanas a Heyvaert e Soler a participar en seminarios e mesas redondas nas facultades de Belas Artes das universidades do Porto e da Complutense de Madrid. Na primeira, as investigadoras tomaron parte, a pasada semana, no seminario Modos de editar. Património. Tecnologia, Fronteiras, enmarcado na exposición d.,inc.,imp., FECIT: GRAVURA, que se pode visitar ata este venres no Museu/Galería Cozinha desta facultade. No caso da Complutense, Soler e Heyvaert tomaron parte na mesa redonda sobre o proxecto que promoveu a profesora Carmen Cisneros, previa á inauguración da exposición que pode visitarse, ata finais de mes, nesta facultade. Nese senso, Heyvaert pon de relevo como o percorrido de El Pliego polo mundo está contribuíndo tamén “a asentar contactos con investigadores cos que iniciar novos proxectos e pensar en novas posibilidades de colaboración”.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal