luns 30 de outubro de 2017

Este luns presentouse a programación da 35 edición do certame

Seis exposicións traerán o Outono Fotográfico ao campus

Estarán situadas na Sala Alterarte, na Biblioteca Rosalía de Castro, no estanque e no Edificio de Ferro

Rosa Tedín | Ourense

85 exposicións, 280 autores e autoras, 66 espazos expositivos, 22 cidades de Galicia e Portugal e 85 entidades colaboradoras. Con estas cifras presentouse este luns no Liceo de Ourense unha nova edición, a 35, do festival Outono Fotográfico. Como xa vén sendo tradición, o campus de Ourense únese a esta iniciativa cultural tanto como entidade patrocinadora como acollendo varias das mostras que se desenvolverán no seu marco. Nesta edición serán concretamente seis as exposicións que desde novembro e ata febreiro abrirán nos edificios universitarios unha ventá ao mundo da creación fotográfica actual.

A temática e o fío condutor desta edición, explicou o director do certame, Xosé Lois Vázquez, é a “descrenza”, definida como a “característica esencial da evolución, da ética e do coñecemento”. O certame, subliñou Victor Nieves, coordinador da Sección Oficial, cumpre 35 edicións convertido no “festival galego de fotografía, decano da Península Ibérica e o segundo máis antigo do mundo”. Esta traxectoria tamén foi posta en valor por Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, que fixo fincapé na presentación do certame en como supón “un exemplo de lonxevidade no ámbito cultural”. Animando aos espectadores a achegarse ao campus de Ourense a ver as mostras que nel se celebrarán, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou pola súa banda o papel deste festival como “auténtica rede tecida entre cidades e localidades”.

Precisamente representando ás localidades que participan no Outono Fotográfico, Lara Rodríguez, concelleira de Cultura de Lalín, salientou “o orgullo” que para elas supón colaborar neste certame. Durante a presentación celebrada este luns tamén houbo tempo para lembrar a Benito Losada, promotor desta iniciativa desde a Casa da Xuventude de Ourense, e para reafirmar o compromiso deste festival coa mocidade, fomentando espazos para os creadores e creadoras emerxentes e achegando a creación e a formación artística a este público.

Diversidade de espazos e temáticas

A Sala Alterarte acollerá unha destas seis mostras que traerá o Outono Fotográfico ao campus de Ourense. Trátase de Despois de Marte, unha exposición do artista Fernando Casás curada por Antón Castro que estará nos muros da sala de arte contemporánea universitaria durante os meses de decembro, xaneiro e febreiro. Outros espazos do campus que acollerán mostras do 35 Outono Fotográfico serán os exteriores da planta baixa do Edificio de Ferro e o estanque. No primeiro caso situarase nos ventanais a mostra Mar de redes, formada por 27 imaxes da fotógrafa Ruth Villar Caballero sobre as redes e o mar. No segundo espazo estará do 15 de novembro ao 15 de decembro unha exposición de doce fotografías feitas por Sabela Andrés.

Como xa vén sendo tradición unha das mostras do Outono no campus será a exposición, nesta ocasión na Biblioteca Rosalía de Castro do 7 ao 23 de novembro, das obras gañadoras do Certame de Fotografía Universidade de Vigo, que permite visibilizar na comunidade universitaria o talento fotográfico dalgúns dos seus membros. Este mesmo centro acollerá do 6 ao 15 de novembro a exposición curada por Silvia García, profesora e decana da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, Relecturas da feminidade. Rastro material. Nela recolle unha serie de fotografías antigas de mulleres e nenas coas que pretende suscitar a reflexión, entre outras cuestións, sobre a tradición da pose fotográfica e sobre como a iconografía herdada inflúe nas imaxes que xeramos. Por último, na Biblioteca Rosalía de Castro tamén se poderá ver a mostra Sen moldes. Comentarios fotográficos sobre os xéneros, do 28 de novembro ao 11 de xaneiro. Tendo como curadora a Mar Caldas, esta exposición recolle fotografías realizadas por alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra ao que a docente, no marco dunha materia, lle propuxo que elaborase imaxes de reflexión sobre a orde sexual imposta.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal