venres 13 de abril de 2018

As alumnas e alumnos beneficiados estarán liberados do pago da matrícula

A Universidade dedica 125.000 euros a axudas para iniciar estudos de máster

O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o 20 de abril

Duvi | Vigo

Garantir que todo o alumnado que cumpra as condicións para iniciar estudos de mestrado oficial poida acceder en condicións de igualdade a ditos estudos. Con esta finalidade, a Universidade acaba de facer pública, un curso máis, unha nova convocatoria das bolsas para o inicio de estudos en másteres oficiais no curso 2017/2018, axudas dotadas cun total de 125.000 euros e coas que a institución académica viguesa busca que ningún alumno ou alumna sexa excluído por razóns económicas nin académicas debido ás variacións normativas producidas a nivel estatal polo Real decreto 1000/2012 do 29 de xuño.

O curso pasado outorgáronse máis de medio cento de axudas

O citado decreto de 2012 introduciu unha serie de cambios nos requisitos académicos que, entre outros, afectaron ao alumnado de primeiro curso de máster oficial, que pasaron a ter que acreditar para recibir a bolsa do Ministerio de Educación unha nota media igual ou superior a 6,5 no caso de optar a un mestrado que sexa imprescindible para exercer unha profesión regulada e a 7, nos restantes. Ante esta situación desde a Universidade de Vigo optouse por publicar esta convocatoria de axudas co obxecto de financiar os gastos derivados da matrícula do alumnado afectado polos cambios establecidos neste Real decreto.

O curso pasado (16/17) beneficiáronse destas axudas un total de 52 alumnas e alumnos da Universidade, matriculados nos diferentes títulos de máster que a Universidade de Vigo oferta nos tres campus, e o anterior (15/16) foron preto de 80 os estudantes beneficiados.

Presentación de solicitudes e documentación

As persoas interesadas en solicitar unha destas axudas poden consultar nas bases que regulan esta convocatoria os requisitos xerais, académicos e económicos, así como as posibles incompatibilidades, cuestións relativas a dotación, contía e pagamento e as indicacións relativas á presentación de solicitudes e documentación.

O prazo de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro venres 20 de abril e, unha vez rematado este prazo, a sección de Axudas e Bolsas publicará a Resolución Reitoral coa listaxe provisoria de persoas admitidas e excluídas, coa mención da causa de exclusión caso de ser denegada. No caso de que o orzamento dispoñible nesta convocatoria non fose suficiente para atender a todas as persoas con dereito a percibir esta axuda, terán prioridade as solicitudes que teñan a menor renda per cápita empezando polas rendas máis baixas, de acordo coa renda individual familiar resultante de dividir a renda da unidade familiar entre o número de membros.

O xurado das bolsas estará presidido pola vicerreitora de Estudantes, Dolores González.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal