xoves 8 de febreiro de 2018

Este xoves entregáronse un total de 38 Premios á Excelencia ao alumnado de novo ingreso

Máis do 70% do novo alumnado co mellor expediente académico elixe enxeñarías ou Ade-Dereito

Recolleron o galardón 21 alumnos e 17 alumnas matriculados en diferentes titulacións dos tres campus

D. Besadío | Vigo

Máis do 70% do alumnado de novo ingreso con mellor expediente académico está a estudar unha enxeñaría ou o programa de simultaneidade entre os graos de Dereito e Administración e Dirección de Empresas. Este xoves entregáronse na sala 1 do edificio Miralles os Premios á Excelencia Académica ao estudantado que este ano se incorporou ás aulas da Universidade de Vigo e que ten un expediente brillante -mínimo de 8.5 de nota media do Bacharelato ou ben dun 9 nun ciclo superior de Formación Profesional-. Trátase, tal e como salientaron o reitor, Salustiano Mato, e a vicerreitora de Estudantes, Dolores González, dun pequeno recoñecemento público ao seu talento e esforzo, demostrado con creces na súa etapa de estudantes previa á Universidade, e un pulo para animalos a continuar por ese camiño.

Entregáronse un total de 38 premios, 21 alumnos e 17 alumnas que asistiron ao acto de entrega acompañados nalgúns casos polos seus pais e noutros por docentes do instituto, para quen houbo tamén verbas de recoñecemento. Recibiron como agasallo cadansúa tableta e un diploma acreditativo que foron recollendo un a un de mans do reitor, quen lles deu as grazas por ter elixido a Universidade de Vigo como lugar no que formarse, “todo un orgullo para nós como institución”, xa que, tal e como lles salientou tamén a vicerreitora de Estudantes, “sodes unha representación do mellor do alumnado de novo ingreso e esperamos de vós o mellor, que non consiste só en que consigades unhas notas brillantes, senón tamén que sexades exemplo e estímulo para todos nós”, ao que engadiu que é importante recoñecer o esforzo “porque sen el non hai superación persoal nin progreso”.

O 44% dos premiados optan por enxeñaría, sobre todo Industrial

Dos 38 premiados e premiadas, 17 elixiron algunha enxeñaría, o que supón un 44% do total, e deles a inmensa maioría son homes -15 alumnos e só dúas mulleres-. Entre estas rapazas que optaron por unha enxeñaría está a viguesa Lucía Fernández, alumna de Enxeñaría de Organización Industrial, quen se amosou moi satisfeita pola opción elixida. “Sempre me gustou o mundo empresarial, pero tamén todo o relacionado co mundo da tecnoloxía, e vendo as diferentes opcións que había sobre a mesa, esta foi a que máis me gustou e estou moi contenta con tela elixido”, indicou a alumna, quen admite que “non somos moitas mulleres na clase, pero as que estamos, aínda que non estea ben dicilo, somos moi traballadoras e temos uns expedientes moi bos”, comentou, orgullosa ela e tamén as dúas docentes do Colexio Plurilingüe Compañía de María que a acompañaron.

En canto á distribución destes estudantes polas diferentes escolas de enxeñaría dos tres campus, oito optaron por algunha das diferentes ramas que se imparten na Escola de Enxeñería Industrial (Electrónica Industrial e Automática, Organización Industrial, Mecánica...); cinco por Enxeñaría Aeroespacial; tres Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e un Enxeñaría Informática. No caso de Xabier Calvo, de Narón, elixiu Enxeñaría Aeroespacial, “e estou encantado”, salientou. “Os primeiros meses fanse un pouco duros, porque todo é novidade, sobre todo en Aeroespacial, que é unha titulación moi nova e onde aínda hai cousas por mellorar, sobre todo no que se refire á dotación de persoal, pero gústame moito”, recalcou acompañado por outros compañeiros que tamén asistiron ao acto procedentes do campus de Ourense.

Elas optan, sobre todo, polo programa de simultaneidade entre ADE e Dereito

E se a enxeñaría é a opción preferente dos homes, elas optan polo programa de simultaneidade entre ADE e Dereito, titulación pola que se decantaron o 26% dos premiados (nove mulleres e un home). Asistiron todas xuntas á entrega do premios e, pese ás dificultades que supón enfrontarse ao programa de estudos dun dobre grao, tanto elas como el amósanse moi satisfeitos. “No meu caso eu decidinme polo dobre grao porque non tería sabido elixir entre Dereito ou ADE, así que o dobre grao me ofrecía unha formación moito máis completa e, co tempo, xa elixirei a que me dedico”, explica Ana María Aido, quen admite que “o máis duro para min son os horarios, temos clases todos os días e bastantes horas, pero polo demais lévase bastante ben”.

Matriculados en 17 titulacións dos tres campus

O resto de premiados e premiadas divídense en diferentes titulacións espalladas polos tres campus. Unhas das opcións favoritas segue sendo o Grao en Tradución Interpretación, opción pola que se decantaron catro dos premiados. Despois hai exemplos tan variados como os gustos de cada un dos premiados e premiadas: Comunicación Audiovisual, Economía, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias da Linguaxe, Educación Primaria, Bioloxía e Dereito. “No meu caso tiña claro que quería facer Comunicación Audiovisual”, explica Pablo Ferrín. “As materias que máis me gustan son as propias da carreira, sobre todo fotografía, e claro nestas son nas que saco mellores cualificacións”, indica o alumno, ao que engade que “este tipo de recoñecemento é o premio ao traballo de moitos cursos”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal