mércores 7 de febreiro de 2018

As probas, tanto teóricas como prácticas, centráronse en rochas, minerais, fósiles e mapas topográficos

O futuro das ciencias da terra reúnese no campus na fase provincial da Olimpíada de Xeoloxía

Participan 80 mozos e mozas de ESO e Bacharelato de sete institutos de Pontevedra

M. Del Río | Vigo

A composición química do xeso, as lavas ácidas dun volcán, o nome dos depósitos de sedimentos de orixe glaciar, a zona da península ibérica con maior risco sísmico ou cando tivo lugar a extinción dos dinosauros. Estas cuestións relacionadas coas ciencias da terra son un exemplo dos contidos que se inclúen nas probas da Olimpíada de Xeoloxía, que este mércores celebrou no campus de Vigo a súa fase provincial, convocada pola Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra e a Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos. Un total de 80 mozas e mozos de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato de sete institutos de Pontevedra participan ao longo da xornada na probas e exames que se desenvolven na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. As dúas persoas con mellor puntuación clasificaranse para a fase nacional, que se celebrará en Segovia o vindeiro 17 de marzo.

Os estudantes, procedentes dos institutos A Paralaia de Moaña, Beade de Vigo, Ribeira do Louro de Porriño, Teis de Vigo, A Basella de Vilanova de Arousa, Primeiro de Marzo de Baiona e María Soliño de Cangas, foron recibidos ao comezo da xornada pola directora da escola, Natalia Caparrini e pola delegada en Galicia da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra, Alicia López. Ao longo do día os alumnos e alumnas deberon enfrontarse un exame teórico, unha proba práctica dividida en dúas partes, a primeira con cuestións arredor do mapa topográfico e a segunda con actividades arredor de fotografías xeolóxicas e exemplares de rochas, minerais e fósiles.

Espertar vocacións sobre as ciencias da terra

Natalia Caparrini, directora da escola, deulles a benvida e presentoulles o centro, no que como lles indicou se imparten dous graos: Grao en Enxeñaría da Enerxía e Grao Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos. Neste sentido salientou que actividades coma esta axudan a fomentar o interese polos estudos e contidos relacionados coa xeoloxía en concreto e coas ciencias da terra en xeral. A finalidade, explicaba, “é xerar vocacións” científicas e tecnolóxicas entre o estudantado que participa neste probas para que no futuro comecen titulacións relacionadas con estes campos, facendo especial fincapé na importancia da “preservación dos recursos naturais e do medio ambiente”.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal