venres 12 de xaneiro de 2018

As persoas gañadoras participarán na fase nacional, que se celebrará en Badajoz en abril

Un cento de estudantes de Secundaria participan no campus na Olimpíada Galega de Bioloxía

Ao longo da xornada realizaron probas teóricas e, por primeira vez, unha de laboratorio

Duvi | Vigo

Máis dun cento de estudantes de ensino secundario de toda Galicia danse cita ao longo deste venres no campus de Vigo na XIII fase autonómica da Olimpíada Española de Bioloxía. Dende esta mañá enfrontáronse ás diferentes probas de nivel, tanto teóricas como prácticas, e das que sairán as e os gañadores, que representarán a Galicia na fase nacional, que se celebrará en Badajoz do 12 ao 15 de abril de 2018.

Este evento, co-organizada pola Asociación Olimpiada Española de Biología (OEB), o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e a Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, ten como obxectivo fomentar os estudos relacionados coa Bioloxía e promover o interese na investigación científica entre os estudantes do sistema educativo español. En total, participan 105 estudantes de segundo de Bacharelato de 31 centros de secundaria da comunidade autónoma galega, 16 da provincia da Coruña (A Coruña, Ames, As Pontes, Boiro, Cambre, Culleredo, Ferrol, Melide, Narón, Noia, Oleiros e Santiago de Compostela), 11 de Pontevedra (Caldas de Reis, Cangas do Morrazo, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Valga, Vigo e Vilagarcía de Arousa), un de Ourense (Ourense cidade) e tres de Lugo (Lugo, Meira, Monforte), cun máximo de catro estudantes por centro educativo. O certame consistiu na resolución dunha proba teórica tipo test e unha proba práctica de laboratorio, cos contidos de Bioloxía da ESO, e de primeiro e segundo de bacharelato, centrados na base molecular e fisicoquímica da vida. A proba de laboratorio é a primeira vez que se celebra, para adecuala ás probas nacionais e internacionais.

Formación para docentes

Ao longo da mañá, o profesorado dos institutos inscritos participou unha serie de actividades formativas conformadas por relatorios de docentes da Universidade de Vigo. Esta programación é froito do convenio asinado coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que a preparación e acompañamento do alumnado participante na olimpíada goce de recoñecemento como actividade de innovación educativa da. Así, o obxectivo destes relatorio é promover a formación dos docentes de ensino secundario e a súa actualización metodolóxica e científico-tecnolóxica, así como fomentar neles a necesidade dunha aprendizaxe activa e participativa, onde se impulse o método científico e, por último, ampliar as súas competencias profesionais mediante unha formación axeitada en temas de innovación e investigación educativa. Deste xeito, mentres o alumnado se enfrontaba ás probas, o persoal docente puido asistir a un relatorio do catedrático de Xenética David Posada, sobre a xenómica evolutiva do cancro e a outro do profesor Luis Navarro, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, baixo o título Bioloxía, unha profesión de futuro....para mentes inquietas. Xa pola tarde, e tras xandar no campus, tanto docentes como estudantes asisten á conferencia impartida polo profesor de Ecoloxía Animal Alberto Velando sobre a colonización e dispersión de poboacións periféricas, centrándose de xeito especial nas aves mariñas en Galicia.

A xornada completouse coa entrega de diplomas aos gañadores, da man dos decanos das facultades de Bioloxía de Galicia, entre eles o vigués Jesús Manuel Míguez, o decano decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, José Pelayo Míguez e o delegado Institucional do COBGA na Olimpíada Española de Bioloxía, Pablo Fernandes.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal