mércores 20 de decembro de 2017

A través dunha exposición e dun coloquio sobre pintura rápida que terá lugar este venres

O alumnado de BBAA propón unha reflexión sobre arquitectura e pintura na Casa das Campás

Outro grupo de estudantes promove a exposición ‘Parhelio’ no Museo Manuel Torres de Marín

Duvi | Pontevedra

Reinterpretar desde unha perspectiva artística diferentes espazos arquitectónicos da Facultade de Belas Artes e da Universidade é a proposta que a alumna de Belas Artes Laura Antelo propuxo aos e ás estudantes deste centro que achegan as súas obras á exposición que ao longo desta semana se pode contemplar na Casa das Campás. A sede da Vicerretoría acollerá tamén este venres ás 12.00 horas un coloquio sobre pintura rápida, que contará coa participación dos artistas Eduardo Baamonde e Raul Gil Burés, promovido tamén por estudantes desta titulación.

Ambas actividades foron impulsadas de feito como un traballo para a materia Xestión, Ámbito Artístico e Mundo Cultural, que imparte o profesor Xosé Manuel Buxán, e na que tamén se encadra Parhelio, a exposición que tres alumnos do grao inauguraron na tarde deste martes no Museo Manuel Torres de Marín. As ilustracións de Fernando Sanmartín, as fotografías de Lucía Verdugo e as fotografías e gravados de Aida López integran unha mostra que emprega “a sombra e a luz como construtoras de volumes” como nexo de unión entre estes tres artistas e estudantes. Ata o 6 de xaneiro poderá visitarse unha exposición que reúne un total de 24 traballos e que, como explica Sanmartín, ademais de nacer como un proxecto para a materia, buscou tamén servir “como unha primeira entrada ao mundo exterior artístico” para tres estudantes do último curso do grao, “aproveitando estas similitudes temáticas e intereses nas nosas obras”.

Arte que nace dos espazos cotiás

Unha ducia de debuxos e gravados integran a exposición sobre arte e arquitectura que Laura Antelo realizou cunha serie de traballos saídos dun exercicio proposto ao alumnado pola profesora Araceli Liste en dúas materias de debuxo. “Parecíame interesante falar de arquitectura porque trátase de espazos que atravesamos todos os días pero que poucas veces nos detemos a mirar ou a ver a súa historia”, salienta a impulsora dunha mostra que, aínda que estaba aberta a traballos inspirados en calquera edificio da Universidade, propón na maioría das súas obras “unha interpretación de espazos da Facultade de Belas Artes”, das súas escaleiras, ao tórculo do taller de gravado, pasando pola súa fachada.

A mostra que pode visitarse nestes días na Casa das Campás verase complementada este venres polo coloquio sobre pintura rápida que, no marco do seu traballo para esta materia, promoven os estudantes Verónica Quinteiro, Miguel Pérez e Andrés Seoane. “Pareceunos interesante facer un evento deste tipo para achegar ao público a esta disciplina artística e para que os participantes poidan dar unha serie de consellos á xente que quere iniciarse na pintura artística e nos concursos de pintura rápida”, salientan do coloquio que prevén complementar cunha demostración de pintura rápida e que protagonizarán o profesor de debuxo no ensino medio e ilustrador Eduardo Baamonde e o tamén docente e pintor Raul Gil Burés.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal