martes 19 de decembro de 2017

O programa Galeuropa Auce 2017 pecha a súa terceira edición

De regreso a Galicia cunha experiencia de mobilidade internacional enriquecendo o currículo

Durante tres meses doce persoas realizaron prácticas en Lisboa e Brecia

Rosa Tedín | Ourense

Case tres meses despois do seu arranque, a iniciativa Galeuropa Auce 2017 acaba de pechar a súa terceira edición. As doce persoas participantes xa retornaron a Galicia desde os seus destinos en Lisboa (Portugal) e Brescia (Italia) onde realizaron prácticas en entidades locais do eido social e educativo. A entidade organizadora, a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación do campus de Ourense Auce, fai un balance moi positivo dos resultados acadados, destacando as oportunidades de inserción laboral que lle abre aos participantes vivir esta experiencia de mobilidade internacional.

Co apoio de entidades socias na capital lusa (Clube Intercultural Europeu) e na cidade lombarda (Mistral Società Cooperativa Sociale Onlus), Auce levou a cabo esta iniciativa ao abeiro do Programa de Mobilidade Transnacional Xuvenil Galeuropa, cofinanciado pola Xunta de Galicia, a Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Galeuropa Auce 2017 permitiu a doce persoas realizar estadías de prácticas non remuneradas en sectores acordes aos seus perfís, catro delas en Italia e oito en Portugal. Os beneficiarios deste programa foron persoas menores de 30 anos desempregadas, sendo elixidas dez mulleres e dous homes con perfís moi diversos, habendo educadoras e traballadoras sociais e titulados e tituladas en Historia, Dereito, Administración e Dirección de Empresas, Química e integración social. O abano de destinos nos que realizaron as prácticas foi moi amplo, desde entidades que traballan con menores en situación de desprotección ou persoas portadoras de VIH ata asociacións que apoian a vítimas de infraccións penais ou a inmigrantes.

Eles e elas beneficiáronse dunhas bolsas que lles ofreceron cobertura de gastos de aloxamento e viaxes, axuda á manutención e ao transporte local, curso de formación lingüística no país de destino, seguros e o asesoramento das mentoras de Auce e das entidades implicadas. “Este apoio incluíu información, orientación e acompañamento en todas as etapas do proceso, desde a orientación previa á mobilidade e acompañamento ás entidades de prácticas ata seguimento continuo e celebración de actividades culturais”, destacan desde a organización. Ademais, engaden, leváronse a cabo tanto en Lisboa coma en Brescia seminarios de preparación pedagóxica e cultural ao inicio da mobilidade, de avaliación intermedia e de inserción laboral e oportunidades de mobilidade europea ao final do proxecto.

Novas oportunidades

No último seminario realizado, indican desde Auce, as persoas participantes puideron facer balance da experiencia vivida e recibir orientación individualizada segundo as súas inquedanzas profesionais e dúbidas de cara a proxectos futuros. O traballo realizado, sinalan desde a organización “viuse recompensado polos resultados deste balance final, no que as persoas beneficiarias coinciden no seu alto grao de satisfacción e recoñecen ter ampliado as súas perspectivas profesionais trala experiencia Galeuropa”. Neste senso, Natalia Umpiérrez, mentora galega do grupo participante en Brescia, subliña “o valor da oportunidade que se ofrece ás persoas participantes de achegarse á realidade laboral doutros países”. Galeuropa, recalca, “permíteche coñecer como se traballa do teu noutro país, facer ese labor nun contexto diferente permitíndoche probar e descubrir dinámicas de traballo novas para ti, ademais de facelo aprendendo unha nova lingua ou perfeccionándoa”.

Como aconteceu nas pasadas convocatorias do programa, “os bos datos que deixa esta edición tamén se reflicten nos índices de inserción laboral e formativa, tanto nos países de destino como en Galicia”, segundo recalcan desde a organización. “Tralo fin da mobilidade, unha das participantes quedou a traballar na súa entidade de acollida en Lisboa e outras dúas xa atoparon traballo na nosa comunidade autónoma”, sinala a coordinadora de Galeuropa Auce 2017 e mentora do grupo de Lisboa Noemí Giráldez. Moi satisfeitos cos resultados e co balance feito polas persoas participantes, desde Auce recalcan como o programa cumpre un dos obxectivos principais da convocatoria Galeuropa, como é “rachar coa dinámica de desánimo na mocidade pola falta de oportunidades de emprego e favorecer a construción de redes profesionais así como fomentar a inserción laboral das persoas novas”.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal