martes 19 de decembro de 2017

Tamén rematou a campaña de recollida de alimentos e xoguetes polo Nadal

A Olimpíada Solidaria de Estudo recadou 3185 euros para escolas da República Democrática do Congo

Desde a Oficina de Voluntariado agradecen a colaboración da comunidade universitaria

Rosa Tedín | Ourense

Nas últimas semanas foron varias as campañas solidarias desenvolvidas no campus de Ourense coincidindo coa proximidade da época de Nadal. A Oficina de Voluntariado vén de pechar dúas delas facendo un balance moi positivo da resposta que deu a comunidade universitaria a todas estas iniciativas. A Olimpíada Solidaria de Estudo conseguiu recadar 3185 euros para as escolas da República Democrática do Congo e a recollida de alimentos e xoguetes encheu os contedores habilitados á entrada de cada edificio.

Axudando aos nenos e nenas do Congo

Desde o pasado 5 de novembro, a Biblioteca Rosalía de Castro uniuse un ano máis á celebración da Olimpíada Solidaria de Estudo, unha acción de sensibilización e solidariedade internacional a través da cal as horas de estudo das persoas participantes son transformadas por empresas colaboradoras en diñeiro para proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Nesta ocasión, coas horas de estudo reunidas polos participantes en Galicia apoiarase un programa de reinserción educativa de menores vítimas da guerra na República Democrática do Congo.

Organizada por ONG Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC, a Olimpíada tivo este ano a mesma dinámica de edicións anteriores. As persoas que decidiron participar nela, 122 no caso do campus de Ourense, só tiveron que apuntar nun espazo habilitado na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro o número de horas de estudo realizadas. Cada hora “doada”, 3185 en total, é transformada agora polas entidades patrocinadoras nun euro para financiar proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

... e tamén ás persoas máis necesitadas da contorna

Ademais un ano máis por estas datas no campus de Ourense desenvolveuse a recollida solidaria de alimentos non perecedoiros, libros e xoguetes destinados ás familias sen recursos da contorna. Os membros da comunidade universitaria deixaron as súas doazóns nos espazos habilitados á entrada de cada edificio do campus. Agora, os alimentos recollidos serán entregados polo Banco de Alimentos e os libros e xoguetes pola Cruz Vermella e pola Asociación Xuvenil Amencer ás persoas que os precisen.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal