luns 18 de decembro de 2017

Nun encontro no que egresados da Universidade de Vigo e da UDC presentaron á industria os seus TFG

O campus exhibe o seu talento diante do clúster do audiovisual

Catro dos proxectos con mellor puntuación foron defendidos en CCSS e da Comunicación e Belas Artes

Duvi | Pontevedra

Poñer en valor o novo talento do audiovisual galego e conectalo co tecido empresarial era o propósito central do I Pitching TFG, que o Clúster Audiovisual Galego impulsou na Cidade da Cultura coa colaboración das universidades de Vigo e A Coruña. No encontro celebrado en Santiago de Compostela o pasado venres, 13 proxectos audiovisuais ideados polo alumnado no marco dos seus traballos de fin de grao e máster foron defendidos polos seus autores e autoras diante dos responsables dalgunhas das produtoras máis importantes do audiovisual galego, que, ao remate das presentación, votaron por aqueles que consideraban que tiñan unha maior viabilidade no mercado. Votación na que saíron seleccionados un total de seis traballos, catro deles defendidos no campus de Pontevedra.

Jorge Algora, de Adivina Producciones; Juan de Dios Serrano, de Agallas Films; Raquel Martínez, de Congo Producciones; Julio Casal, de Ficción Producciones; Jesús Vecino, de Filmax, e Montse Besada, da Televisión de Galicia, foron algúns dos representantes do sector que tomaron parte neste evento para o que as institucións académicas seleccionaron un total de 13 proxectos, correspondentes a diferentes formatos do audiovisual e que se atopan en diferentes fases do seu desenvolvemento, segundo informou o Clag nun comunicado. Estes representantes encargáronse tamén das votacións coas que se pechou o evento e na que a maior puntuación foi para a serie de animación Villa Pelusa, das egresadas da UDC Andrea Castro Valero, Rebeca Domínguez Rey, e Javier González Garrido. En segundo lugar nestas votacións rematou Leni Krabby, o videoxogo ideado por Raquel Lamos Silva para o seu traballo final no máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, da Facultade de Belas Artes.

A continuación, os socios do clúster, seleccionaron, xunto cun proxecto da UDC, todos eles coa mesma puntuación, tres traballos defendidos o pasado curso na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación por egresados e egresadas en Comunicación Audiovisual. Trátase de What lies beneath the sea, un videoxogo ideado por María Comesaña e Pablo Dapena; Amar en tiempos de Tinder, un proxecto de serie de TV de Sara Varela; e a aplicación de Raquel Cacabelos e Laura González Safe Eat App. A representación da Universidade neste encontro, no que o alumnado estivo acompañado polo coordinador do grao en Comunicación Audiovisual, Fortunato Rodríguez, a coordinadora de traballos de fin de grao, Diana Ramahí, e os docentes Sergio Frade e Miguel Anxo Fernández, completouse coa curta Luscofusco, de Johnatan Toucedo e Brais Sousa, o proxecto de longametraxe de animación Don´t fade, de Laura Cao, e a mediametraxe Asmodeo de Xián Xacobe Freire.

Todos eles, dispuxeron de 15 minutos para intentar captar o interese dos representantes da industria nunha iniciativa que buscaba dar aos novos titulados e tituladas a posibilidade de testar os seus traballos e coñecer de primeira man as impresións de produtores e produtoras. Con ese mesmo propósito, o evento, que contou co apoio da Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), completouse cun encontro de networking dirixido a que estes novos talentos tivesen a oportunidade de establecer contactos e conversar cos produtores sobre os detalles dos seus respectivos proxectos.

Visibilidade e orientación

“Para o grao supuxo incrementar a visibilidade da titulación fronte ás empresas e para o alumnado, a experiencia de mostrar ante un público especializado os seus traballos, coa posibilidade de recibir orientación e, agardemos, financiamento para os mesmos”, salienta Fortunato Rodríguez dunha iniciativa á que o grao acudiu cunha selección dos “mellores traballos en cada unha das especialidades da titulación”, co propósito de que as empresas puidesen ver "o resultado da formación técnica e creativa dos nosos alumnos”.

Tamén salienta como positiva a experiencia a egresada Sara Varela, quen presentou Amar en tiempos de Tinder, un proxecto de serie da que desenvolveu os guións e o tratamento da rodaxe, que iría dirixida a un público feminino “pero distanciada dos clichés deste tipo de series”, que o pasado verán defendía na facultade. “Foi unha oportunidade para presentar o teu traballo diante de empresas ás que non terías acceso se non estiveras nesta situación”, salienta Varela dunha iniciativa na que, recoñece, lle tería gustado ter máis tempo para intercambiar impresións cos e as representantes da industria. Aínda así, este encontro serviu eesta titulada para establecer uns primeiros contactos cos que “ver se no futuro podemos ter algunha reunión” para abordar este proxecto.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal