xoves 14 de decembro de 2017

A mostra dos traballos do alumnado de Esdemga inaugurouse hoxe na Casa Galega da Cultura

'Tecido cru' pecha un ciclo en positivo e negativo

17 estudantes amosan nas súas pezas os seus achegamentos á procura formal e conceptual

Mª del Carmen Echevarría | Vigo

Volumes, sistemas construtivos, tridimensionalidade, linguaxe escultórico…. Baixo estas premisas e co soporte material da lona, a estopa, o tafetá, o poliéster ou o algodón desenvolveuse o traballo das 17 estudantes de segundo curso de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza, que integran a mostra Tecido cru III. Positivo e negativo, que este xoves abriu as súas portas na Casa Galega da Cultura de Vigo. África Abadín, África González , Andrea Flórez, Andrea González, Ánxela Carballo, Bibi Martín, Candela Nóvoa, Carla Soage, Esther Suárez, María Alborés, Naiara Gómez, María Lázara, Nerea Rodríguez, Noemí Vidal, Sandra Vázquez, Silvia Marra e Ana Taboas, amosarán ata o vindeiro 28 de xaneiro as súas pezas, a través das que as e os visitantes poden acceder a ese momento no que se orixina a forma e descubrir como cada unha delas se enfrontou a esa procura non só da forma, senón tamén conceptual.

Tecido cru é unha xanela a través da que as creadoras nos permiten acceder á morfoxénese: ese momento de orixe da forma que se deixa ler nas pezas seleccionadas e que, por tanto, non permite unha lectura de estilo, tan habitual no ámbito que nos ocupa porque non é un discurso de moda, senón que nos deposita ante o proceso de aprendizaxe, ensaio e achegamento á construción de volumes tridimensionais, materializados en tecido e destinados a ser sustentados polo corpo humano”, explica Lola Dopico, comisaria da mostra, xunto a tamén docente e investigadora da Universidade de Vigo Cristina Varela.

A mostra foi inaugurada polo vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández, e o concelleiro de Facenda do concello de Vigo e tamén docente da Universidade, Jaime Aneiros, que destacou a fusión de tradición e modernidade que co gallo da mostra conflúen na Casa Galega da Cultura, ao tempo que reiterou o compromiso do concello coa institución académica.

A dicotomía branco e negro e o diálogo entre a materia e o como

O branco e negro, o positivo e o negativo, como patróns dun antagonismo cromático, supostamente puro, é un dos elementos máis salientables das pezas que conforman a mostra, obras que parten dun procedemento marcadamente escultórico, onde a construción e a fabricación actúan como eixos gravitacionais. “Entre as liñas das diversas funcións que cumpre a cor branca na cultura occidental atopamos o substrato exacto onde se reafirma o uso da cor tal e como se pretende no desenvolvemento dos proxectos seleccionados”,explica Dopico, que en relación coa ausencia de cor, destaca que é unha categoría “na que nos atopamos cunha serie de subcampos como as pantasmas, os aparecidos e a morte e de modo aínda máis concreto, co grao cero de cor, a dicotomía branco e negro. Unha dicotomía que é a que sustenta o fío condutor da mostra”.

Lona, estopa, feltro, tafetá ou algodón, son algúns dos materiais empregados polas creadoras para desenvolver os seus traballos, que quedan definidos en canto ao seu peso, estrutura ou resistencia polas propias materias primas empregadas, que a súa vez é tratada (o como) a través do encartado, estampado, plisado, drapeado ou ensamblado.

Un ciclo que se pecha 

A terceira edición de Tecido cru que hoxe se inaugurou, marca ademais un punto e aparte na traxectoria da mostra, “que forma parte dun ciclo que se pecha agora. Unha reflexión que desenvolvemos ao longo dunha serie de mostras nas que se pretendeu o achegamento á metodoloxía e as aspectos procesuais do deseño de moda”, explica Dopico, para quen o ciclo de reflexión sobre o volume e o sistema construtivo no deseño xa tivo o seu percorrido. E a partir de agora? “Agora nos apetece traballar tamén baixo outras premisas” , asegura a comisaria da mostra, Lola Dopico.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal