martes 12 de decembro de 2017

A estudante de CC da Educación e do Deporte foi reelixida presidenta da Anecafyde

Lara Piñeiro continúa un ano máis á fronte da asemblea estatal de alumnado de CC da Actividade Física e do Deporte

O xoves abordarán o informe elaborado sobre as competencias de grao nun coloquio na facultade

Eduardo Muñiz | Pontevedra

Traballar polo recoñecemento das competencias dos titulados e tituladas en Ciencias da Actividade Física, na defensa dos “dereitos e intereses do colectivo estudantil” e por garantir “uns estudos universitarios orientados a acadar un exercicio profesional de calidade ao servizo da sociedade” son os obxectivos principais da asemblea estatal de estudantes desta titulación, Anecafyde, como salienta a alumna do campus Lara Piñeiro tras ser reelixida presidenta dunha asociación na que está representado o alumnado de preto de 30 universidades nas que se imparte esta titulación. A aprobación, na anterior asemblea, do plan estratéxico #SomosAnecafyde, levou a esta alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a optar, na xuntanza celebrada hai uns días en Elche, á continuidade no cargo que asumira a finais de 2016.

“Neste plan fixáronse as liñas de traballo da Anecafyde durante os próximos tres anos e isto animoume a presentarme a unha reelección, por continuar coa folla de ruta marcada hai seis meses e por seguir traballando para facer un pouco mellor as nosas universidades, a nosa titulación e o noso ámbito profesional”, salienta esta alumna do máster en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde. Xunto a ela, continuará formando parte da directiva da asemblea o presidente da Delegación de Alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Marcos García Pascual, quen xunto a Piñeiro e Xoel Souto integraron a representación da Universidade de Vigo nesta XV Asemblea Nacional de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, celebrada na Universidad Miguel Hernández de Elche, coa participación de preto de 60 delegadas e delegados de 27 universidades.

Regulación das competencias

“Atopámonos nun momento clave”, recoñece Piñeiro Pereira respecto da posibilidade de “regular o marco competencial” da titulación, “que condiciona tanto o deseño da formación como o futuro exercicio profesional dos seus egresados”. Nese senso, o punto central da asemblea na que Piñeiro foi reelixida foi a elaboración documento no que Anecafyde recolle a súa posición respecto da resolución para establecer recomendacións para a proposta das universidades de memorias de solicitude ou de modificación dos títulos oficiais en Ciencias da Actividade Física e do Deporte elaborada pola conferencia española de institutos e facultades nas que se imparte este grao e na que recolle as competencias que deberían posuír os titulados e tituladas. “O proceso levado a cabo pola conferencia foi unha moi boa base sobre a que traballar na busca dun consenso imprescindible entre facultades e o colectivo estudantil, sen esquecer á sociedade científica e os colexios profesionais”, salienta Piñeiro que, non obstante, matiza que existen no colectivo estudantil “diversas discrepancias de fondo co documento”, que motivan precisamente o informe elaborado nesta xuntanza.

Nesa liña de traballo, a delegación de alumnado convocou para este xoves 14, ás 13.00 horas, un coloquio aberto ao estudantado desta titulación, “co obxectivo de concienciar da importancia que ten a publicación das competencias do noso grao no BOE”, así como de achegar ao alumnado o traballo realizado no seo da Anecafyde. sinala Marcos García. Tras exercer previamente como responsable de zona no consello permanente da asemblea, este estudante incorporouse en abril á directiva de Anecafyde, coincidindo coa aprobación dun plan estratéxico no que, salienta, “establecéronse unhas metas moi claras para traballar”. Entre elas, a publicación das competencias da titulación que a asemblea viu abordando en diferentes reunións do Foro Profesional de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, no que tamén están representados, entre outros, a conferencia de facultades e colexio profesional de titulados, Colef.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal