xoves 7 de decembro de 2017

Cinco estudantes realizan ao seu abeiro diversos mestrados

As Bolsas Ourense Exterior traen ao campus alumnado de Brasil, Italia, Cuba, Panamá e Arxentina

Entre as persoas beneficiarias están descendentes de emigrantes

Rosa Tedín | Ourense

No marco das actuacións para o fomento da internacionalización do campus de Ourense, cada ano véñense convocando as Bolsas Ourense Exterior, financiadas pola Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense. O seu obxectivo é facilitar a mobilidade de cidadáns residentes no estranxeiro que queiran cursar estudos de primeiro curso de mestrado nos centros e escolas deste campus. Este curso son cinco as estudantes que se teñen beneficiado delas e que xa están incorporadas ás aulas ourensás.

As persoas beneficiarias deste curso 2017/2018 son Bárbara del Carmen Conde, de Cuba, que realiza o Máster en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos, na Facultade de Ciencias da Educación; Marielena Quiroga, de Panamá, que está matriculada no Máster en Nutrición, na Facultade de Ciencias; e Eleonora Giunchi, de Italia; Natalia Soledad Corrales, de Arxentina, e Marcella da Costa Moreira, de Brasil, que están a realizar o Mestrado en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural, na Facultade de Historia. Con procedencias e traxectorias moi diversas, as cinco coinciden este curso no campus de Ourense para completar a súa formación con estudos de posgrao.

“As cinco prazas ofertadas cubríronse con persoas interesadas en facer mestrados no noso campus e iso é un motivo de satisfacción para nós”, comenta Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, que recibiu recentemente ás beneficiarias destas axudas. As Bolsas Ourense Exterior, lembra, están abertas a residentes no estranxeiro que se matriculen nun dos mestrados impartidos no campus de Ourense e entre os seus méritos valórase o feito de ser emigrantes ou descendentes de emigrantes ourensáns, galegos ou españois. “Ademais do seu atractivo económico para os participantes, un dos aspectos máis interesantes destas bolsas é que permiten retomar o vínculo con Galicia a descendentes de galegos”, comenta o vicerreitor. A contía das bolsas abrangue unha axuda de gastos de viaxe de ata 600 euros, unha axuda de gastos de aloxamento de ata 2500 euros e a exención do pago da matrícula.

Boas impresións

Entre as beneficiarias este ano das Bolsas Ourense Exterior está a italiana, procedente da cidade de Forlì, Eleonora Giunchi. Titulada en Filoloxía Clásica, comenta que decidiu presentarse a estas axudas “porque quería facer un mestrado e vin nelas a oportunidade perfecta para facelo”. “Moi contenta” no campus de Ourense, sinala como o seu proceso de adaptación foi moi doado xa que anteriormente estivo residindo en Galicia, concretamente en Santiago de Compostela, cunha bolsa de mobilidade internacional Erasmus. Froito desa experiencia “deféndese” falando galego e agarda poder mellorar o seu coñecemento deste idioma nos meses que estea en Ourense.

Facendo tamén o Mestrado en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural está Marcella da Costa Moreira, procedente da cidade brasileira de Niterói. Ela, sinala, decidiu virse a Ourense porque no mes de abril asistiu neste campus ao I Congreso Euroamericano de Dereito e Política, organizado pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo e o Programa de Pós-Graduação em Justiça Administrativa da Universidade Federal Fluminense de Río de Janeiro, na que ela estudou Dereito. Despois duns meses aquí as súas boas impresións de entón confírmanse salientando como lle encanta o campus e a cidade de Ourense.

Entre as descendentes de galegos está Natalia Soledad Corrales, procedente da cidade arxentina de Bos Aires e titulada en Arquitectura. “Sempre estaba atenta ás novas da Xunta de Galicia e cando vin estas bolsas decidín presentarme”, comenta a beneficiaria, que xa estivera en Galicia en diversas ocasións visitando aos seus familiares. Coas súas compañeiras do Mestrado en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural comparte a súa boa imaxe do campus e da cidade e o seu desexo de aproveitar ao máximo a súa estadía. Tamén descendente de galegos está a panameña Marielena Quiroga, que se amosa moi satisfeita por como se está desenvolvendo o Mestrado en Nutrición que está a realizar, do que destaca que “é moito mellor do que esperaba, está sendo moi proveitoso”.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal