luns 20 de novembro de 2017

A Red Intur vén de conceder os seus galardóns anuais

Un estudo sobre o turismo de emocións na Ribeira Sacra, entre os mellores traballos fin de mestrado estatais da súa área

A estudante do campus de Ourense Jackeline Elizabeth Fernández é a súa autora

Rosa Tedín | Ourense

A Red Intur, formada por 27 universidades estatais nas que se imparten posgraos en turismo, convoca cada ano un certame que ten como obxectivo premiar aos mellores traballos fin de mestrado presentados en España durante o último curso académico. Entre as 40 propostas presentadas este ano, Jackeline Elizabeth Fernández, estudante do Master Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde da Universidade de Vigo, fíxose cunha das dúas distincións extraordinarias que se outorgaron. No seu traballo aborda o turismo experiencial e de emocións na Ribeira Sacra, concluíndo como “este destino conta co potencial de recursos e compoñentes necesarios para converterse nun destino de turismo experiencial e de emocións”.

Os autores e autoras dos oito mellores traballos que optaban a premio tiveron a semana pasada que presentar as súas propostas en Vila-Seca (Tarragona), no marco da reunión anual da entidade e ante un comité de expertos. A proposta de Jackeline Elizabeth Fernández acadou, xunto a un traballo da Universidade de Sevilla sobre o turismo e o alivio da pobreza, un primeiro premio. “Estou moi contenta. É un recoñecemento ao traballo e ao esforzo feito e iso sempre é motivo de satisfacción”, comenta a galardoada. A mesma satisfacción é compartida por José Antonio Fraiz, coordinador do Master Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, que salienta como “a pesar de ser unha competición dura este é xa o segundo ano que acadamos un primeiro premio, algo que debe ser motivo de orgullo para a nosa Universidade”.

O traballo Turismo experiencial e de emocións na Ribeira Sacra, explica a súa autora, partiu de 181 enquisas realizadas a excursionistas e turistas que acudiron a este destino nun período concreto de 2017. O obxectivo principal da investigación foi coñecer as emocións que experimentaban e avaliar a súa experiencia turística. Para facelo, detalla, empregou a escala MET, que serve para medir como afectan as experiencias do destino a cada turista de maneira individual baseándose no seu propio estado de ánimo e nos sentimentos que lle afectan nese momento concreto da viaxe, e a escala DES, que permite avaliar as respostas emocionais dos turistas, medindo a relación existente entre as experiencias emocionais dos visitantes e o seu apego ao destino. “Escollín este enfoque pois trátase dunha temática moi novidosa, da que existen moi poucos estudios, e escollín este destino porque a Ribeira Sacra é unha das zonas turísticas de Galicia que máis medrou nos últimos anos”, indica Jackeline Elizabeth Fernández.

Unha puntuación xeral de 4.7 sobre 5

“A conclusión principal que se extrae desta investigación é que as experiencias memorables e as emocións do visitante reciben maiores puntuacións, modelan a imaxe do destino e aumentan o comportamento positivo dos turistas cara o mesmo”, salienta a investigadora. Así, resume, “nas enquisas obtívose puntuacións alta ou moi altas en todas as afirmacións, especialmente nas relacionadas co patrimonio natural, o hedonismo e as actividades na zona (unha media de 4.7 ou 4.9 sobre 5). A intención de repetir a experiencia e a satisfacción total tamén foi moi alta, de 4.8 sobre 5”. Segundo explica a investigadora, con respecto ás conclusións relativas aos compoñentes das experiencias turísticas memorables a maioría dos ítems obteñen unha puntuación superior a 3.5 sobre 5. No bloque das emocións no destino os resultados obtidos, sinálase no estudo, demostran que “as experiencias turísticas na Ribeira Sacra achegan un maior valor aos compoñentes relacionados directamente coa alegría e a sorpresa positiva”.

Sobre o perfil demográfico dos turistas, a investigación recolle que o perfil maioritario dos visitantes corresponde a persoas de idade media (de 36 a 55 anos) e nun 48% con estudos universitarios; que a gran maioría realizaban a súa viaxe por primeira vez (82,87%) e que o 66,85% empregou fontes de información relativas a familiares e amigos á hora de elixir este destino, sendo o orzamento diario dunha media de 60 euros. En canto á análise da imaxe do destino, “os resultados reflicten as puntuacións máis altas en paisaxe e patrimonio histórico e artístico”, comenta a investigadora. A dimensión da imaxe peor valorada, puntualiza, “correspóndese co bo desenvolvemento das infraestruturas no destino, e aínda que neste caso non inflúe para avaliar o resto de dimensións, si modela a percepción da experiencia global final”. Ao analizar os atributos cognitivo-afectivos obsérvase, indica a investigadora, “tamén a relación directa entre estes e a imaxe global do destino, recibindo a gran maioría deles puntuacións moi altas e/ou altas”.  

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal