venres 17 de novembro de 2017

As estudantes Lidia Cruces e Victoria Gil son as súas autoras

O certame estatal Arquímedes premia dous traballos da Universidade sobre pensións e discriminación por embarazo

O obxectivo dos galardóns do Ministerio de Educación é fomentar o espírito investigador no alumnado

Rosa Tedín | Vigo

Cada ano, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte convoca o Certame Arquímedes co obxectivo de fomentar o espírito investigador no alumnado universitario mediante a concesión de premios aos mellores traballos de investigación. Entre os galardoados na edición 2017 do concurso están dous traballos fin de grao realizados na Universidade de Vigo. Na Área de Ciencias Sociais e Humanidades, Lidia Cruces, alumna da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo, acadou un segundo premio polo seu estudo sobre a sustentabilidade do sistema de pensións, e Victoria Gil, alumna da Facultade de Dereito do campus de Ourense, conseguiu na mesma categoría un accésit pola súa investigación sobre a discriminación no traballo por embarazo ou maternidade.

A fase final do XVI Certame Universitario Arquímedes de Introdución á Investigación Científica, ao que se presentaron 339 candidatos e candidatas das diferentes universidades españolas, celebrouse esta semana en Madrid. Os autores dos 25 traballos seleccionados nas diferentes áreas de coñecemento para esta fase tiveron que presentar os seus estudos ante un xurado, resultado premiadas as dúas tituladas da Universidade de Vigo que concorrían. “Desde logo foi unha experiencia enriquecedora e recomendable”, destaca Lidia Cruces, cuxo premio está dotado con 5000 euros. Un sentimento compartido por Victoria Gil, que recalca como o galardón, dotado no seu caso con 2000 euros, recompensa o esforzo feito durante o último curso académico na realización do moitas veces temido polo alumnado traballo fin de grao. O secretario de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades, Marcial Marín, foi o encargado de entregarlles os galardóns nun acto celebrado este mércores.

En ambos casos, as galardoadas subliñan especialmente o apoio recibido polos seus titores na realización dos traballos, os profesores Jaime Alonso Carrera, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, e Marta Fernández, da Facultade de Dereito. Deste xeito, entre os obxectivo destes galardóns está recoñecer a implicación dos docentes na tutela dos estudantes nos seus inicios no eido da investigación. Ademais, as dúas premiadas da Universidade de Vigo coinciden en que nelas si prendeu ese espírito investigador, obxectivo último da convocatoria, xa que as dúas continúan na actualidade a súa formación coa realización de diferentes mestrados nas súas áreas de especialización.

Pensións no horizonte de 2050

Sobre o seu traballo fin de grao, Lidia Cruces sinala que nel “realizamos unha análise da sustentabilidade do sistema español de pensións no escenario demográfico de 2050, caracterizado por un aumento da esperanza de vida e unha ralentización do crecemento demográfico”. Para facelo, indica, “empregamos un modelo de xeracións solapadas no que os axentes forman hábitos en consumo e deixan herdanzas aos seus descendentes por motivos altruístas”. Neste escenario, detalla a premiada, “baixo unha resposta pasiva do goberno, a taxa de substitución das pensións diminuirá case un 50%”.

No seu traballo fin de grao Lidia Cruces analiza tres posibles respostas alternativas para garantir a sustentabilidade das pensións: o aumento das cotizacións á Seguridade Social, o incremento da idade legal de xubilación e a instalación dun sistema de Seguridade Social mixto co que se lle obrigue ao individuo a aforrar unha certa cantidade co obxecto de manter o mesmo poder adquisitivo que tiña na economía base. “Ao realizar unha comparativa en termos de benestar demostramos que a combinación de Seguridade Social de reparto e de capitalización é a proposta coa cal se aminoran os custes derivados do novo escenario demográfico”, comenta a galardoada, que baseou o seu estudo nun programa dinámico de análise.

Discriminación laboral por embarazo ou maternidade

Pola súa banda, explica Victoria Gil, o seu traballo “centrouse no estudo da discriminación por embarazo ou maternidade a través da análise da normativa laboral e da xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e do Tribunal Constitucional nesta materia”. A discriminación por embarazo o maternidade, detalla, “constitúe unha discriminación directa por razón de sexo, toda vez que só pode darse na muller e supón un tratamento desfavorable por razón do seu sexo”, motivo polo cal a galardoada se decantou por estudar esta temática no seu último ano de carreira.

En xeral, indica Victoria Gil, a xurisprudencia nesta materia fai unha interpretación ampla do principio de non discriminación abarcando múltiples comportamentos do empresario que poden considerarse discriminatorios, dende o acceso ao emprego como durante toda a relación laboral ata o momento da súa extinción. Entre as cuestións analizadas no seu traballo destaca como a intervención do lexislador neste último momento no artigo 55.5 b) do Estatuto dos Traballadores permitiu entender ao Tribunal Constitucional que concorre unha causa de despido nulo obxectiva cando se despide a unha traballadora embarazada, salvo que o despido sexa procedente. “Non obriga a elo en cambio, indica, a normativa da Unión Europea”, sinala a premiada.

 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal