venres 10 de novembro de 2017

Tras o éxito acadado nas dúas edicións anteriores, será do 1 ao 3 de decembro no edificio Cambón

Retorna a Vigo 3 Day Startup para seguir fomentando o espírito emprendedor no ámbito mariño

Ofértanse 40 prazas e a inscrición, aberta ata o 20 de novembro, é totalmente gratuíta

D. Besadío | Vigo

Tras o éxito das dúas edicións anteriores, a última hai dous anos celebrada na illa de San Simón, retorna a Vigo 3 Day Startup, unha oportunidade para todos aquelas mozas e mozos con ideas emprendedoras que queiran pór en marcha unha iniciativa emprendora ou, simplemente, reforzar as súas competencias profesionais á hora de iniciar o difícil camiño da inserción laboral. A cita será nesta ocasión no centro de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia no edificio Cambón do 1 ao 3 decembro, tres días nos que terán a oportunidade de vivir en primeira persoa todo o proceso de xeración dun proxecto empresarial, desde o nacemento da idea ata o contacto real co mercado e a presentación ante posibles investidores.

“Máis aló da posible constitución dunha empresa, que como tal é algo secundario, o que queremos é que, a través dunha metodoloxía moi práctica os participantes desenvolvan habilidades que non sabían que tiña e que logren adquirir os recursos necesarios para pór en valor as súas capacidades, cousas que realmente lle van axudar moito á hora de buscar un emprego”, explica Maruxa Álvarez, profesora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e responsable local do 3 Day Startup, iniciativa coorganizada, entre outras entidades, polo Campus do Mar, o Consello Social da Universidade de Vigo, Zona Frana de Vigo e a Consellería do Mar e na que tamén colaboran numerosas entidades privadas.

Aberto á participación de 40 estudantes ou persoas recén graduadas á inscrición é 3DS VigoMar 17 é totalmente gratuíta e está aberta ata o 20 de novembro. Na anterior edición houbo inscritos de todas as provincias galegas, algúns doutras comunidades autónomas e tamén de Portugal, explicou Álvarez, que aclarou tamén que está aberto tanto a alumnado de grao, como mestrado ou doutoramento.

Guiados por mentores relacionados co sector marítimo

A edición que se celebra en Vigo é a única que se centra na explotación e uso dos recursos mariños en todas as súas vertentes: turismo, saúde, alimentación, medios de comunicación, etc. O obxectivo é fomentar e canalizar o espírito emprendedor dos estudantes e inculcar en eles valores como a confianza, a consecución de metas e a autosuficiencia. Para conseguilo estarán guiados por un grupo de mentores relacionados co sector marítimo, entre eles, ademais da propia Álvarez, Cristina Quelle, coordinadora da Área de Transferencia e Emprendemento do Campus do Mar, e tamén Carlos Ferro, profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing.


O programa arrancará o venres 1 de decembro pola tarde e durante tres días participantes e mentores convivirán e traballarán intensamente. As persoas interesadas en participar poden enviar xa as súas solicitudes e, posteriormente, comunicaráselle se foron ou non seleccionadas.

370 edicións en todo o mundo

A primeira edición de 3DS celebrouse na Universidade de Texas e xa percorreu os cinco continentes. Actualmente celebráronse xa máis de 350 edicións en países como Alemaña, Holanda, Francia, Portugal, China...nas que participaron máis de 8000 estudantes e que deron lugar a 134 compañías.

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal