venres 10 de novembro de 2017

O campus únese un ano máis á Olimpíada Solidaria de Estudo

Cada hora na biblioteca convértese nun euro para escolas do Congo

Empresas colaboradoras serán as que transformen en diñeiro o esforzo do alumnado

Duvi | Ourense

Un ano máis o campus de Ourense súmase á celebración da Olimpíada Solidaria de Estudo, unha acción de sensibilización e solidariedade internacional a través da cal as horas de estudo das persoas participantes son transformadas por empresas colaboradoras en diñeiro para proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Do 5 de novembro ao 5 de decembro, os usuarios e usuarias da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense están chamados a colaborar nesta iniciativa e contribuír a recadar fondos para un programa de reinserción educativa de menores vítimas da guerra na República Democrática do Congo.

A importancia da concienciación

Desde a Oficina de Voluntariado do campus de Ourense animan a toda a comunidade universitaria a colaborar unha edición máis con esta actividade de sensibilización e educación para o desenvolvemento, que quere concienciar, especialmente á xuventude, sobre a importancia do acceso á educación. Organizada por ONG Coopera, Cooperación Internacional e ACTEC, a Olimpíada segue este ano a mesma dinámica de edicións anteriores. As persoas que desexen participar nela só terán que apuntar nun espazo habilitado na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus o número de horas de estudo realizadas nas súas instalacións.

Cada hora apuntada será transformada polas entidades patrocinadoras nun euro para financiar proxectos de cooperación ao desenvolvemento. “É importante entender que o obxectivo principal da Olimpíada Solidaria de Estudo non é recadar fondos, xa que os estudantes non dan diñeiro. A finalidade da Olimpíada Solidaria de Estudo é ante todo educativa: trátase de estimular aos mozos e mozas para que adquiran actitudes e comportamentos solidarios”, recalcan desde a organización da Olimpíada Solidaria de Estudo.

Para os menores vítimas da guerra

O reto de 2017 é conseguir 600.000 horas/euros por parte de 70.000 participantes que estudarán en todo o mundo baixo o lema Estou onde podo axudar. Co diñeiro recadado en España, Portugal, Croacia e Luxemburgo vaise apoiar o proxecto Watoto volve á escola, un programa de reinserción educativa para menores vítimas da guerra na República Democrática do Congo. A zona, que abrangue os territorios de Kabare, Kalehe e Walungu, explican desde a organización, foi escenario da primeira e segunda guerra do Congo e aínda non está totalmente pacificada a pesar de que teoricamente os conflitos remataron en 2003. Coopera RD Congo desenvolve desde o ano 2014 un programa de asistencia integral a nenos e nenas vítimas da guerra nesta zona e en 2017 o programa reforzará a reinserción educativa de todos os menores acollidos. “A asistencia regular á escola considérase un paso previo definitivo e fundamental para lograr a súa rehabilitación social e a normalización das súas vidas”, comentan desde organización.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal