xoves 2 de novembro de 2017

Beatriz Gregores foi a seleccionada na categoría de creadores novos do certame da Fundación Ankaria

Unha alumna de Belas Artes gaña o premio Palabra Pintada

A obra, que constitúe o seu traballo de fin de grao, achégase ao “tabú social” da depresión

Eduardo Muñiz | Pontevedra

“Un xogo de miradas, fraxilidades e vulnerabilidades, onde se fala do tabú social que é a depresión”. Deste xeito presenta a alumna de Belas Artes Beatriz Gregores Opia: un instante de fragilidad, o libro de artista que desenvolveu o pasado curso para o seu traballo de fin de grao combinando fotografía, debuxo, gravado, serigrafía ou impresión dixital cun “estilo poético de contraposicións visuais”, e que a Fundación Ankaria seleccionaba como o traballo gañador do premio a artistas novos do seu certame La Palabra Pintada. “Síntome realmente afortunada de ter recibido un premio de tanta importancia e alcance”, salienta Gregores do seu recoñecemento nun certame ao que, na súa cuarta edición, presentaron os seus proxectos un total de 345 artistas de diferentes nacionalidades e que contou por primeira vez cunha categoría dedicada aos novos talentos.

Nela, o xurado integrado polo presidente da Fundación Ankaria, Ricardo Martí, e os patróns da institución Saleta e Javier Rosón, Jaime Mairata e José María Luna, decidiu recoñecer, ademais do traballo desta alumna, que actualmente cursa o máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual, as obras presentadas por Guillermo Mora, co primeiro premio, e por Rosell Meseguer e Beatriz Díaz, gañadoras dos dous segundos premios. Todas elas obteñen un galardón económico destinado á adquisición da obra premiada, que pasa a formar parte da exposición itinerante La Palabra Pintada, de aí que Gregores saliente a “impresión e alegría” que lle causa saber que o seu traballo vai ser exposto xunto ao de artistas “cunha carreira xa sobre as súas costas”.

Unha ferida que se abre e pecha

“Creo que a parte fundamental da obra é a intimidade que se crea co espectador ao pasar as páxinas. Hai moito escondido tralo papel e o espectador, nese xogo de ler, vaise atopando con pequenas narracións, pequenos poemas visuais que funcionan como un espello sobre o seu sentir”, salienta Gregores da peza que constituíu o seu traballo de fin de grao, que realizou tendo como titora á profesora Ana Soler, “grazas á que puiden chegar a entender todo o significado e a beleza que hai neste campo da arte”. Técnicas como a fotografía, o debuxo, o gravado, a serigrafía, os pregues, o troquelado, o estampado e a impresión dixital sobre distintos países combínanse nun volume no que se acompañan “dun estilo poético de contraposicións visuais”, como relata esta artista, quen admite ter atopado no libro de artista a “ferramenta exacta para poder expresar o meu sentir o meu facer”.

Nese senso, destaca o seu potencial para narrar unha “historia cunha orde incerta”, para rachar cos límites das diferentes disciplinas e unilas nunha experiencia “que delata ao artista na súa máis pura intimidade”. Deste xeito, Gregores formulou Opia: un instante de fragilidad como unha “ferida aberta que invita ao lector a navegar polas súas páxinas para así poder pechala”. Con estética minimalista, as texturas das follas permiten abordar a temporalidade, e a superposición de imaxes e os cambios de páxina “aos nosos propios cambios nesta intimidade temporal”, relata a artista, que neste senso, busca que o libro exerza como “unha ferida nova, que empeza como algo alleo para volverse un reflexo das nosas propias inseguridades”.
 

Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000 | informacion@uvigo.es            Accesibilidade | Mapa web | Aviso Legal